23.4.07

VI Xornadas PLsDA


VI Xornadas PLsDA


datas de celebración _ 3 e 4 de maio

lugar _ Auditorio do Centro Social Caixanova Vigo

inscripción _ gratuíta

data límite inscripción _ 27 de abril


Estas sextas xornadas do Plan Local de Drogodependencias e outras Adiccións de Vigo pretenden ser un punto de encontro para a reflexión sobre a evolución, o estado actual e o futuro da prevención en condutas aditivas. Con este fin, requirimos a colaboración de expertos de prestixio, investigadores, profesionais e representantes da administración, para que nos expoñan os seus puntos de vista e nos axuden a mellorar a efectividade dos programas de prevención no noso ámbito local.
Ademais dos formatos habituais de conferencias e mesas de discusión, este ano incorporamos un debate a dous, espazo no que dous expertos debaterán sobre os programas de lecer alternativo, coa colaboración dun profesional da comunicación en funcións de moderador. Na parte final deste debate, o moderador formularalles aos expertos as cuestións que os asistentes queiran realizarlles a través dunhas tarxetas.
Tamén contaremos coa colaboración da administración, representada por responsables da Subdirección de Saúde Mental e Drogodependencias da Consellería de Sanidade, para actualizar a nosa información sobre a situación actual e as estratexias para o futuro.
As mesas sobre experiencias en prevención pretenden amosar unha selección de programas que nos axuden a reflexionar sobre cuestións como fundamentación, efectividade, avaliación e innovación.
E como a eficacia dos programas de prevención depende da capacidade para lle facer chegar a súa mensaxe á poboación diana e conseguir os cambios desexados, na última mesa de discusión contaremos coa participación de profesionais da comunicación e colectivos sociais, para que nos acheguen a súa opinión sobre esta cuestión e sobre o papel que poden desempeñar, desde cada un destes ámbitos, na prevención das adiccións.
Confiamos en que o deseño destas sextas xornadas resulte atractivo, e nos permita contar cunha ampla participación de todos os colectivos interesados.




máis información e inscripción


No hay comentarios: