14.4.08

Alejandro Pizarroso Quintero exporá a súa visión

O vindeiro luns 14 de abril ás cinco da tarde o profesor Alejandro Pizarroso Quintero impartirá no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra a conferencia titulada “Qué es la propaganda electoral”.

O poñente afondará nos fundamentos da propaganda política e analizará as diferentes estratexias propagandísticas levadas a cabo polos principais partidos en distintos procesos electorais.

Alejandro Pizarroso Quintero é Catedrático de Ciencias da Información do Departamento de Historia da Comunicación Social da Universidade Complutense de Madrid. Entre as súas obras figuran títulos como Historia de la propaganda, notas para un estudio de la propaganda política y de guerra; Información y poder e El mundo después de la imprenta, entre outras.

O acto será presentado por D. Alberto Pena Rodríguez, Decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A entrada é libre ata completar aforo.

10.4.08

Estreo da curtametraxe Finisterre

Data: 10 de abril

Hora: 13.00h

Lugar: Salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra


Este xoves, 10 de abril, vai ter lugar a proxección da curtametraxe Finisterre, do director Iago Fernández, estudante de Publicidade e Relación Públicas. Esta obra reflexiona sobre a importancia que ten a morte na sociedade galega. O acto durará aproximadamente unha media hora e o acceso será libre e gratuito para todas aquelas persoas que desexen asistir.

9.4.08

AS TITULACIÓNS DE COMUNICACIÓN E O NOVO MARCO UNIVERSITARIO EUROPEO

Mesa redonda- seminario


Interveñen:

- Prof. Dr. D. Emilio C. García Fernández

Catedrático da Universidade Complutense de Madrid

- Prof. Dr. D. Juan Benavides Delgado

Catedrático da Universidade Complutense de Madrid


Data e lugar

Día 7 de maio, ás 17:00 da tarde no Salón de Grados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.


(Destinado preferentemente ó profesorado, doutorandos en comunicación e membros das comisións de reforma dos plans de estudio)


5.4.08

Ciencias Sociais e da Comunicación comezará a vindeira semana chea de actividades

Cunha presentación dun libro, dúas conferencias e varias actividades dos alumnos


Ana Terceiro Pontevedra

A axenda da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para a próxima semana preséntase bastante completa xa que unha presentación dun libro, dúas conferencias e varias actividades dos alumnos de cara á celebración da súa patroa, o día 24, serán os protagonistas do vindeiro luns, 7 de abril. Para comezar a xornada, o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Antonio Torres del Moral, impartirá a conferencia Liberdade de expresión e acción política, un tema de interese para os estudantes do centro. Pola súa banda, o profesor portugués Mário Mesquita presentará, xa pola tarde, a súa nova obra El cuarto equívoco ao que lle seguirá o relatorio O poder dos media na sociedade contemporánea. Para complementar o día, os alumnos de Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Xestión e Administración Pública teñen preparadas varias actividades que irán desenvolvendo ao longo das sucesivas semanas con motivo do festexo de Santa Kata’08.



As conferencias

Organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, terá lugar a conferencia Liberdade de expresión e acción política da man do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Antonio Torres del Moral. A cita é as 12.15 horas na aula 6 da Facultade de Ciencias Sociais e da comunicación e a asistencia é libre ata completar o aforo.
Pola súa banda, e con motivo da presentación do seu último libro, El cuarto equívoco, Mario Mesquita impartirá un relatorio sobre o poder dos medios de comunicación ás 17.00 horas no salón de graos do centro. O autor portugués, como unha das persoas de maior prestixio e influenza do seu país, afondará sobre diversos aspectos relacionados co papel dos medios en distintos escenarios políticos e sociais e exporá diferentes casos prácticos de comunicación desde unha perspectiva tanto nacional coma internacional.

Frases célebres

Image

Xa nun ton máis distendido e cun obxectivo sinxelamente lúdico, os estudantes do terceiro curso da titulación Publicidade e Relacións Públicas, están a organizar diferentes iniciativas con motivo da celebración da súa patroa Santa Catarina de Siena o vindeiro 24 de abril. Para comezar as actividades, unha caixa de correos localizada na entrada da facultade invita aos membros da comunidade universitaria a participar introducindo frases célebres de profesores ou dos propios alumnos. Nos próximos días irase descubrindo que outras sorpresas teñen preparadas os rapaces, como o concurso para escoller a camiseta que se comercializará en Santa Kata’08 e que xa está en marcha.