13.5.08

Alumnos de cuarto curso de Publicidade e RRPP simulan unha campaña electoral para a Presidencia do Goberno

Cinco grupos políticos enfrontaranse nas urnas o vindeiro 28 de maio

Ana Terceiro Pontevedra

A febre da propaganda política comeza a apoderarse da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde os alumnos de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas están a preparar unha campaña electoral ficticia que, o vindeiro 28 de maio, proclamará como presidente do Goberno ao candidato que obteña a maioría dos votos da comunidade universitaria. A iniciativa, que forma parte das prácticas da materia Teoría e práctica da propaganda electoral impartida polo profesor Xosé Rúas, conta con todos os elementos que na realidade se empregan á hora de preparar unha eleccións: mitins, roldas de prensa, anuncios, reunións cos representantes dos colectivos do centro, etc. De feito, xa empezan a abundar os carteis das distintas formacións polos corredores da facultade e a actividade vólvese máis intensa canto máis se achega o 14 de maio, o día oficial de inicio de campaña. Segundo comentou unha das candidatas aos comicios polo partido Esquerda Progresista, Noelia Vázquez, “esta é unha excelente maneira de aplicar os coñecementos e as técnicas que en clase tan só podemos ver desde a perspectiva teórica e, ademais, é unha forma fascinante para aproximarse á realidade da xestión política do día a día, á vez que é un camiño privilexiado para poder demostrar que as cousas, no campo da comunicación e da propaganda, poden facerse de outro xeito: innovando, sendo creativos e contando un pouco máis coa participación e as ideas dos votantes”, explicou a alumna.

Cinco partidos políticos, cinco propostas electorais
A precampaña arrancou coa presentación dos candidatos dos distintos partidos políticos que se presentan, todos eles inventados aínda que cunha ideoloxía ben definida, en total cinco grupos que loitarán por acadar o seu obxectivo: conseguir o maior número de votos da comunidade universitaria. Esquerda Progresista (EP), Estudantes Socialistas (ES), Esquerda Universitaria (EU), Unión polo Progreso(UPP) e o Partido Democrático Socialista (PDS) son as novas agrupacións creadas polos alumnos e que, desde fai varios meses, comezaron a deseñar as súas propostas e os seus programas electorais. En xeral todos eles se declaran de esquerdas, aínda que un deles, o UPP, opta polo que considera “unha unión do mellor da dereita e do mellor da esquerda”, segundo afirma a súa líder, Ángela Antón.

10.5.08

Presentación da III Edición de CURTAS NA REDE


O martes 13 de maio, ás 12:00 horas, terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, a presentación da III Edición do concurso Curtas na Rede, organizado polo Consello da Xuventude de Galicia (CXG) e pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.


O acto estará conducido pola presidenta do CXG, María Dolores Rodríguez Amoroso, quen explicará a dinámica do concurso, novidades, premios, etc. Así mesmo, entregaráselles aos alumnos que asistan un agasallo promocional do concurso, así como toda a información relativa ao mesmo.

7.5.08

FESTIVAL CURTOCIRCUITO

V Festival Internacional de Curtas ‘Curtocircuito’ xa está aquí. Un ano máis o concurso de guións Compostela Plató xa abriu o seu prazo de presentación: ata o 8 de xuño.

O premio consiste na produción e rodaxe do guión gañador en Santiago durante o verán. Non deixedes de participar nas outras seccións como o Concurso Internacional con aumento das contías e novas categorías (Internacional, Explora, Español e Galego), Curtocircuito Na Rúa co premio do público, o III Mercado Internacional ao que asistirán os programadores e compradores máis importantes do mundo e as actividades paralelas con obradoiros, ciclos para nenos, mesas redondas, etc.

Podedes consultar toda a información en www.curtocircuito.org.

6.5.08

Un documental elaborado por alumnas de Ciencias Sociais e da Comunicación colabora na integración social e laboral da etnia xitana

"Historias de Vida" narra os esforzos de dúas mozas deste colectivo na busca de traballo

Image Con motivo da presentación da campaña O emprego fainos a todos iguais, para fomentar a inserción laboral das persoas de etnia xitana, dúas alumnas de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas amosaron un vídeo realizado por elas mesmas co obxectivo de dar unha visión próxima e en positivo desta cultura e da realidade que a conforma, deixando á marxe tópicos, estereotipos e prexuízos. Deste xeito e baixo o título Historias de vida, as estudantes Eva Pou Bueno e Julia Sánchez Álvarez achegaron o relato persoal de dúas mozas xitanas que intentan facerse un oco nun mundo laboral cheo de discriminacións e dificultades.

Image
Na presentación do vídeo
Ana Terceiro | Pontevedra
Con motivo da presentación da campaña O emprego fainos a todos iguais, para fomentar a inserción laboral das persoas de etnia xitana, dúas alumnas de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas amosaron un vídeo realizado por elas mesmas co obxectivo de dar unha visión próxima e en positivo desta cultura e da realidade que a conforma, deixando á marxe tópicos, estereotipos e prexuízos. Deste xeito e baixo o título Historias de vida, as estudantes Eva Pou Bueno e Julia Sánchez Álvarez achegaron o relato persoal de dúas mozas xitanas que intentan facerse un oco nun mundo laboral cheo de discriminacións e dificultades. Esta iniciativa, que xorde da colaboración entre a Oficina de Voluntariado e Integración do campus e a Fundación Secretariado Xitano da cidade de Pontevedra, pretende aportar un gran de area á tarefa de sensibilización sobre a realidade desta etnia que se está a facer dende a fundación. O traballo supuxo un reto persoal e profesional tanto para as voluntarias que participaron nel, como para a técnica da Oficina de Voluntariado e Integración, Herminia Dios Poceiro, que subliñou que “esta actividade non se podería ter feito sen a colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, as atencións da técnico de medios audiovisuais, Manuela Boullosa, o titor Alberto Dafonte, sen a implicación, o compromiso e a tenacidade das mozas Eva e Julia, sen o apoio dos profesionais da Fundación Secretariado Xitano e, por suposto, sen as verdadeiras protagonistas das historias: Sara e Rebeca, dúas mozas xitanas que tiveron o valor de contar diante dunha cámara a súa vida persoal”, destacou a responsable da Oficina de Voluntariado do campus.

Un proxecto moi profesional

A realización do proxecto pasou por varias fases: a de preprodución, produción e posprodución. Na primeira etapa, as voluntarias Eva e Julia prepararon o guión que deu contido a cada unha das historias que conforman o vídeo: a presentación, ser xitana, a infancia (a idade da inocencia), a inserción laboral (buscando o meu sitio), superando barreiras, a muller xitana, o meu gran apoio e finalmente Acceder (o programa que lles abre a porta á vida laboral). Nesta parte tamén se elaborou o listado de equipamentos técnicos e materiais necesarios, o plan de rodaxe e buscouse a colaboración dun titor, concretamente do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Dafonte, que valorou o traballo como “moi profesional xa que estas rapazas non son especialistas no eido audiovisual e tiveron moito valor para levalo a cabo”.
Xa nunha segunda fase, a de produción, as estudantes gravaron o documental segundo se redactara nos guións e, na terceira fase, tivo lugar a montaxe do material gravado (posprodución).

Acceder, un programa que tramitou 121 contratos de traballo o pasado ano

Na presentación do vídeo Historias de Vida, que tivo lugar no centro Cultural de Monte Porreiro, a concelleira da Área de Benestar Social, Margarita Castejón, deu un repaso aos proxectos que desde o concello se están a desenvolver na cidade de cara á integración social e laboral dos membros desta etnia. Entre eles destacou o labor que se está a facer co programa Acceder, co que moitas persoas conseguiron un emprego nos últimos anos. Pola súa banda, o director xeral da Fundación Secretariado Xitano, Santiago González, subliñou que esta iniciativa está acadando resultados moi bos xa que no último ano tramitáronse 110 contratos de traballo e 11 de inserción laboral, 78 deles para xitanos. Pero Acceder pretende ser ademais un instrumento de intervención intercultural, polo que atendeu tamén a 90 solicitudes de outros colectivos.
Este programa, subvencionado polo Fondo Social Europeo e cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, xa recibiu varios recoñecementos nacionais e internacionais e outro dos indicadores positivos do seu funcionamento é que case unha de cada dúas persoas que participaron nel, conseguiu un contrato de traballo.

VIII Xornadas de Comunicación Corporativa e Protocolo

O 21 e 22 de maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación


Coincidindo coas xornadas porase en marcha o “I Foro Hispano-Luso-Iberoamericano” desta disciplina


Image Expertos nacionais e internacionais da comunicación e das relacións públicas daranse cita no campus de Pontevedra nas VIII Xornadas de Comunicación Corporativa e Protocolo nas que, baixo a dirección do profesor Fernando Ramos, abordarase a importancia desta disciplina na imaxe das institucións e empresas. Os vindeiros 21 e 22 de maio será cando a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolla as xornadas nas que, ademais, porase en marcha o I Foro Hispano-Luso-Iberoamericano relacionado con esta materia. Segundo explica o responsable da organización, “por primeira vez creamos este punto de encontro coa intención de que teña unha continuación no tempo xa que temos moi explorado o territorio nacional, co que levamos varios anos colaborando, pero a partir de agora a idea é darlle un enfoque cada vez máis amplo ás xornadas e contar coa participación de outros países", afirma Fernando Ramos.

Image
O director das xornadas, Fernado Ramos
Ana Terceiro | Pontevedra
Expertos nacionais e internacionais da comunicación e das relacións públicas daranse cita no campus de Pontevedra nas VIII Xornadas de Comunicación Corporativa e Protocolo nas que, baixo a dirección do profesor Fernando Ramos, abordarase a importancia desta disciplina na imaxe das institucións e empresas. Os vindeiros 21 e 22 de maio será cando a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolla as xornadas nas que, ademais, porase en marcha o I Foro Hispano-Luso-Iberoamericano relacionado con esta materia. Segundo explica o responsable da organización, “por primeira vez creamos este punto de encontro coa intención de que teña unha continuación no tempo xa que temos moi explorado o territorio nacional, co que levamos varios anos colaborando, pero a partir de agora a idea é darlle un enfoque cada vez máis amplo ás xornadas e contar coa participación de outros países", afirma Fernando Ramos.

Relatorios da man de destacados profesionais

Unha serie de conferencias intensivas mesturadas con pequenos coloquios da man dos mellores profesionais, darán contido a este evento que xa é recoñecido como un referente no sector a nivel nacional. O relatorio inaugural correrá a cargo do presidente da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo, Jorge Salvati, quen falará sobre a función desta disciplina como ferramenta para xestionar a imaxe das empresas e institucións. Pola súa banda, a presidenta da Asesoría para Asuntos Internacionais do Comité Nacional de Cerimonial Público de Brasil e xefa de protocolo da Prefectura de Campos de Jordao (Estado de Sao Paulo), Eliane Ubillus, compartirá cos asistentes a súa traxectoria nunha exposición baixo o título A experiencia do protocolo corporativo no ámbito internacional.
Para facer unha análise das campañas institucionais para a educación viaria, contarase coa participación de Carlos Gutiérrez Zumel, o director de comunicación do Real Automóbil Club de Cataluña, e a programación matinal pecharase coa intervención do responsable das xornadas e experto na materia, o doutor Fernando Ramos, para afondar sobre O Consello Social e a súa función na imaxe institucional da universidade pública.
As conferencias continuarán pola tarde da man do xefe de protocolo do Ministerio de Defensa, Alfredo Rodríguez, que achegará aos asistentes as apartacións do seu labor á imaxe de España en misións internacionais de paz. Pola súa parte, os doutores da Universidade de Vigo, José Rúas e Pedro Pablo Gutiérrez, presentarán un obradoiro denominado A comunicación institucional e as súas variantes: a propaganda institucional versus a publicidade institucional.
O día 22 de maio, a segunda sesión abrirase coa intervención da directora de Días Nacionais de Expo 92 e autora do Plan de Estratexia Institucional de Expo Zaragoza 2008, María Teresa Otero Alvarado. Continuarán as xornadas da man do director do Gabinete da Cámara Municipal de Oporto, Manuel Pinto, quen compartirá a súa visión das diferentes técnicas que se levan a cabo no país veciño. Xa para pechar o programa, o responsable de comunicación do Banco Pastor en Galicia, Alejandro Kowalski, falará sobre o papel que desempeña o dircom nunha sociedade robotizada e o docente da Universidade, Daniel Martí, falará sobre As salas de prensa virtuais:a nova fronteira da comunicación institucional.

Oito anos de éxito

Esta é a oitava edición das Xornadas de Comunicación Corporativa e Protocolo que o profesor Fernando Ramos puxo en marcha no ano 2001. Desde entón tratáronse temas como o protocolo universitario, o institucional, o oficial, o protocolo e as relacións coas empresas do entorno ou a responsabilidade social corporativa. Segundo apunta o seu director, “cada ano acude máis xente, non soamente alumnos da Universidade de Vigo, senón tamén de outras entidades educativas, ademais de profesionais e docentes relacionados co sector que veñen como asistentes” ao que engade que “trátase dunha ciencia de resultados, non é exacta e por iso precisa dunha reciclaxe constante que intentamos proporcionar coa organización das conferencias”, explica Ramos.
Desde os seus humildes inicios, esta iniciativa cada vez está tendo máis repercusión e agora xa conta coa colaboración de importantes entidades como a Secretaría Xeral de Comunicación da Presidencia da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Caixanova.


Para os interesados en asistir…

Todos aqueles que desexen inscribirse na oitava edición do curso complementario de Comunicación e Protocolo e no I Foro de Protocolo Corporativo Hispano-Luso-Iberoamericano, poden facelo gratuitamente na plataforma dixital www.bubela.uvigo.es coa referencia X100801. Os alumnos que asistan obterán 1,5 créditos de libre configuración e os funcionarios acadarán 0,5 puntos, ademais dun diploma de título propio da Universidade de Vigo.

Seminario "As titulacións de comunicación e o novo marco universitario europeo"

Data: 7 de maio

Hora: 17.00h

Lugar: salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación


Destinado preferentemente ao profesorado, doutorandos en comunicación e membros das comisións de reforma dos plans de estudo, terá lugar unha mesa redonda na que participará o catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade Complutense de Madrid, Emilio C. García Fernández, e o catedrático de Publicidade da Universidade Complutense de Madrid, Juan Benavides Delgado.

Falece o sociólogo e docente Xan Bouzada

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

Docente e investigador. Catedrático e autor de numerosas publicacións sobre socioloxía da cultura, desenvolvemento local ou análisis sociolingüístico, falecía nas últimas horas, tras unha longa enfermidade, Xan Bouzada.
Ao longo da súa traxectoria profesional, o sociólogo Xan Bouzada, destacou polo seu traballo no Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, do que foi director e desde o que nos últimos tempos impartiu as materias de Socioloxía do consumo, Socioloxía da comunicación e Socioloxía xeral.
Unha labor de docencia que Bouzada foi quen de levar a cabo ao tempo que desenvolvía outras actividades como a dirección do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega, da revista Cooperativismo e Economía Social ou a participación no Consello de Redaccion da Revista Grial.
Activo colaborador en medios de comunicación, Bouzada publicara hai escasamente un ano un extenso informe titulado “As políticas culturais nas sete principais cidades galegas” que puña de manifesto, tras anos de estudo, as desigualdades existentes entre as sete principais cidades de Galicia ante a cultura.

Intensa produción

O informe elaborado para o Consello da Cultura Galega foi unha das súas últimas contribucións a engadir a unha longa relación de publicacións que durante anos realizou Xan Bouzada e entre as que destaca a que en 2002 e xunto a Xesús A. Lage, realizou sobre o retorno a Galicia dos emigrantes como culminación do ciclo da emigración galega.
Nacido en Lugo en 1951, Bouzada Fernández era doutor en Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Socioloxía da Universidade de Toulouse-le Mirail.
Decenas de artigos en revistas nacionais e internacionais e decenas de libros escritos en solitario ou participados con outros autores, fixeron de Bouzada unha referencia no ámbito da socioloxía.