13.5.08

Alumnos de cuarto curso de Publicidade e RRPP simulan unha campaña electoral para a Presidencia do Goberno

Cinco grupos políticos enfrontaranse nas urnas o vindeiro 28 de maio

Ana Terceiro Pontevedra

A febre da propaganda política comeza a apoderarse da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde os alumnos de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas están a preparar unha campaña electoral ficticia que, o vindeiro 28 de maio, proclamará como presidente do Goberno ao candidato que obteña a maioría dos votos da comunidade universitaria. A iniciativa, que forma parte das prácticas da materia Teoría e práctica da propaganda electoral impartida polo profesor Xosé Rúas, conta con todos os elementos que na realidade se empregan á hora de preparar unha eleccións: mitins, roldas de prensa, anuncios, reunións cos representantes dos colectivos do centro, etc. De feito, xa empezan a abundar os carteis das distintas formacións polos corredores da facultade e a actividade vólvese máis intensa canto máis se achega o 14 de maio, o día oficial de inicio de campaña. Segundo comentou unha das candidatas aos comicios polo partido Esquerda Progresista, Noelia Vázquez, “esta é unha excelente maneira de aplicar os coñecementos e as técnicas que en clase tan só podemos ver desde a perspectiva teórica e, ademais, é unha forma fascinante para aproximarse á realidade da xestión política do día a día, á vez que é un camiño privilexiado para poder demostrar que as cousas, no campo da comunicación e da propaganda, poden facerse de outro xeito: innovando, sendo creativos e contando un pouco máis coa participación e as ideas dos votantes”, explicou a alumna.

Cinco partidos políticos, cinco propostas electorais
A precampaña arrancou coa presentación dos candidatos dos distintos partidos políticos que se presentan, todos eles inventados aínda que cunha ideoloxía ben definida, en total cinco grupos que loitarán por acadar o seu obxectivo: conseguir o maior número de votos da comunidade universitaria. Esquerda Progresista (EP), Estudantes Socialistas (ES), Esquerda Universitaria (EU), Unión polo Progreso(UPP) e o Partido Democrático Socialista (PDS) son as novas agrupacións creadas polos alumnos e que, desde fai varios meses, comezaron a deseñar as súas propostas e os seus programas electorais. En xeral todos eles se declaran de esquerdas, aínda que un deles, o UPP, opta polo que considera “unha unión do mellor da dereita e do mellor da esquerda”, segundo afirma a súa líder, Ángela Antón.

No hay comentarios: