13.12.06

V Edición do Festival Jameson de Cine Destilado

O Notodofilmfest.com é un festival con vocación internacional no que pode participar calquer persoa maior de 18 anos co número de curtas que desexe sempre que sexan inéditas e orixinais.

Para participar tes que encher o formulario que atoparás na páxina www.notodofilmfest.com para obter o teu código de participante. O día 10 de xaneiro ás 12 a.m. remata o prazo.
Non debes esquecer que a película non debe pesar máis de 5 Mb e non durará máis de 3,5 min. Os tres formatos admitidos serán: o .mov, o .wmv e o .swf.

Se o teu film sae gañador obterás 15.000 euros e unha beca de 4 semanas na New York Film Academy.

Máis información en www.notodofilmfest.com

Festival de Novos Realizadores de Granada de curtas de animación

Dende o 18 de setembro e ata o 31 de decembro pódense enviar as curtas para participar no XIV Edición do Festival Internacional de Novos Realizadores de Granada, que se desenvolverá en Granada do 14-22 de abril de 2007.

Nesta edición, como novidade, tódalas curtas estarán en formato dixital e como outro ano máis a curta será o medio de expresión da liberdade creativa e a rebelión imaxinativa.

A cantidade destinada a premios ronda os 30.000 euros e as bases pódense consultar na páxina http://www.filmfest-granada.com .

11.12.06

Conferencia sobre a reforma dos “Estatutos de autonomía”

O vindeiro martes, día 12 de decembro, ás 17.00 horas, terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación unha conferencia-coloquio a cargo do Profesor de Dereito Constitucional e Catedrático “Jean Monnet” da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Carlos Pereira Menaut, que levará por título Reforma dos Estatutos de Autonomía: ¿a segunda transición?.
O evento, organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo e patrocinado polo Vicerreitorado de Extensión Universitaria e Estudantes, está destinado á comunidade universitaria e ao público en xeral, sendo a entrada libre ata completar o aforo da sala.

4.12.06

Xornadas sobre medios de comunicación social e drogas

O 15 e 16 de decembro desenvolveranse no Auditorio Municipal "Hernán Naval" de Ribadeo (Lugo) as X Xornadas Ribadenses sobre Drogodependencias.

Ao longo destos días afondarase no problema específico das drogas en Galicia, a importancia dos medios de comunicación como medios-axentes preventivos ou de novos códigos deontolóxicos para tratar as drogodependencias.

No programa das xornadas faise fincapé na importancia de que os profesionais da comunicación deben tratar as drogodependencias cun amplo coñecemento sen caer nunca na simplicidade das imaxes ou superficialidade de argumentos.

A taxa da matrícula para estudantes e parados é de 10 euros e o prazo remata o día 12 de decembro.

Para máis información: monilamparte@terra.es

2.12.06

Presentación da curta "Vilaboa, mirando á Meca"

O vindeiro martes día 12 de decembro un grupo de alumnos de terceiro de Comunicación Audiovisual presenta no Salón de Actos da Facultade de CC.SS. a súa primeira curta, "Vilaboa, mirando á Meca", ás 18:00h., na que estarán presentes todos os membros do equipo.

” Vilaboa, mirando á Meca” é unha curta documental que dura arredor de 12 minutos e trata da problemática surxida en febreiro de 2006 na parroquia de Paredes (Vilaboa, Pontevedra) entre a comunidade local e a marroquí pola construcción dunha mesquita. Esta proposta foi valorada pola Consellería de Cultura con 4.000 euros e o pasado día 29 de novembro entregáronse as pertinentes copias a esta institución para a súa difusión.

O equipo técnico está formado por:
Santiago Peón- Producción
María J. Rodríguez - Axdte. Producción
Álvaro Gago e Manuel García – Dirección
Patricia Martínez – Guión
Cristina Feal - Axdte. de Guión
Ariana Louro – Cámara
Álvaro Gago – CámaraManuel García - Montaxe e posproducción.

1.12.06

Proxecto Euro Publicidade


O Proxecto Euro Publicidade convoca 11 bolsas dentro do Programa Leonardo Da Vinci Movilidade para promover a formación no sector publicitario dos xoves licenciados. As prácticas levaránse a cabo en Florencia (5 plazas) , Portugal (5 plazas) e Malta (1 plaza).
Os candidatos teñen que estar licenciados nos últimos tres anos en disciplinas relacionadas coa Publicidade, pudiendo ser licenciados en Comunicación Audiovisual, Periodismo ou Relacións Públicas. Ademais terán que ter unha idade comprendida entre os 21 e 30 anos, residir en Galicia e posuir un alto nivel no idioma do país de destino.
A selección farase mediante a análise do currículo, unha proba lingüística-cultural e unha entrevista persoal.
Para máis información: www.integra.org.es

Conferencia de Ana Paula Marques

O vindeiro 16 de xaneiro Ana Paula Marques, Directora do Departamento de Socioloxía da Universidade de Minho ofrecerá unha conferencia no Salón de Actos da Facultade. Esta actividade que comezará ás 18 horas e rematará ás 21, está pensada como actividade complementaria de formación, dirixida aos estudantes da Diplomatura de Xestión e Administración Pública.

29.11.06

A Unión Europea: situación actual e perspectivas de futuro

O vindeiro venres día 1 de decembro, ás 17.00 no Salón de Graos da facultade, José Francisco Millán Mon dirixirá a conferencia "A Unión europea: situación actual e perspectivas de futuro".

José Francisco Millán Mon é deputado do Parlamento europeo polo Partido Popular dende xullo do ano 2004 e posúe unha ampla experiencia no eido diplomático. Ocupou a Dirección Xeral de Asuntos Consulares do Ministerio de Asuntos Exteriores entre 1980 e 1982, posteriormente traballou na Asesoría Xurídica Internacional e foi o Primero Secretario da Embaixada de España en Bonn.

28.11.06

Conferencia de Antonio Izquierdo

O Director da Escola Galega de Administración Pública , Antonio Izquierdo, impartirá unha conferencia o día 13 de decembro ás 16.00 horas no Salón de Graos da facultade, para tratar sobre as funcións de formación e investigación da EGAP.

Esta actividade está organizada e financiada conxuntamente polas áreas de Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Vigo e está pensada como actividade complementaria á formación dos estudantes da Diplomatura de Xestión e Administración Pública.

Charla de Bieito Alonso e proxección de "Aillados"


Este xoves día 30, ás 17 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais, terá lugar unha charla a prol do "historiador Bieito Alonso", que tratará o tema "A memoria da represión no 1936".
Ademais, proxectaráse o documental galego "Aillados", sobre a illa-cárcere de San Simón.

LUGAR: FACULTADE DE CIENCIAS SOCIAIS
DATA E HORA: XOVES 30 DE NOVEMBRO ÁS 17H DA TARDE
ORGANIZA: CAF (Comités Abertos de Facultade)

20.11.06

Presentación do Observatorio de Comunicación Audiovisual


Esta mañá Manuel Fernández Iglesias,Director Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta presentou a web do “Observatorio audiovisual de Galicia” na facultade.

O Observatorio do Audiovisual en Galicia é un servizo que ten como finalidade proporcionar unha información permanentemente actualizada sobre o sector audiovisual galego. Esta plataforma ten como alicerce un catálogo que recolle os principais indicadores estatísticos do sector e do mercado, contextualizano as observacións propias coas medicións e variables doutros observatorios, tanto a nivel autonómico como nacional ou internacional.

Na actualidade contén máis de 250 fichas correspondentes a indicadores de interese para ao sector, ademais de información sobre a ordenación sectorial vixente, un centro de documentación e lexislación e documentación publicada.

Dentro da web poderás atopar unha relación de produccións audiovisuais de acordo cos diferentes formatos (documental, series de ficción, animación...) na que se inclúen os datos do director, o ano da produción, presuposto... Ademais un enlace co directorio de empresas do CGAI proporcionará aos usuarios información sobre o Rexistro de Empresas Galegas do Audiovisual.

Concurso "AS MANS SALVAN VIDAS"


O Complexo Hospitalario de Pontevedra convoca un concurso de carteis para a campaña "As mans salvan vidas".

Presentaranse un mínimo de cinco carteis relacionados co novo paradigama de hixiene de mans nos centros sanitarios, que ten asúa trabe de ouro no uso de produtos de base alcohólica para fregado de mans.

Concederanse 3 premios aos mellores carteis. O primeiro premio estará dotado cunha contía de 2.000 euros, o segundo con 600 e o terceiro con 400.

As medidas dos traballos serán de 42x59,4 cm (un A2) para colgar en vertical e valorarase que sexan coloristas, alegres e positivos.

Os traballos deberán ser presentados en lingua galega e o prazo de presentación remata o día 11 de decembro.

Para máis información visitar http://www.larte.com/concursos.php?estilo=10# ou dirixirse a francisco.luis.vazques.vizoso@sergas.es e aurora.aragon.vazques@sergas.es

I Premio Prat Gaballí de fomento da investigación en Publicidade e Relacións Públicas

O obxetivo desta convocatoria é o de premiar o traballo académico que faga unha maior aportación práctica ao desenvolvemento da profesión mediante un premio á mellor tesis doutoral ou mellor traballo de investigación.

Só poderán participar os estudantes de terceiro ciclo, matriculados nunha especialidade de comunicación. Os traballos presentados teñen que pertencer ao ano académico 2005-06 e ter obtido unha calificación positiva.
A dotación do premio ascende a 3.000 euros e o prazo de entrega finaliza o 15 de decembro de 2006.

Os participantes entregarán a folla de inscripción cos datos identificativos e académicos, un exemplar da tesis doutoral ou traballo de investigación, un certificado académico e cinco copias en papel do resumo do traballo máis unha en formato electrónico.

A resolución farase pública ao longo do mes de xaneiro de 2007.

XIII Premio Nacional de Periodismo Gastronómico ÁLVARO CUNQUEIRO



O Concello de Lalín e diversas asociacións de profesionais de gastronomía galega convocan o XIII Premio de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro.

Poderán tomar parte no concuros escritores, periodistas e particulares que publicaran artigos, libros, entrevistas ou fotografías, tanto en galego coma en castelán, sobre temas relacionados coa gastronomía galega durante os últimos dous anos.
O prazo de entrega rematará o 9 de xaneiro de 2007 e a dotación económica será a seguinte:
1. O mellor traballo publicado en medios impresos gañará 4.000 euros.
2. O mellor traballo emitido en radio ou televisión gañará 1.500 euros.
3. O mellor libro, traballo, publicación ou investigación sobre gastronomía galega gañará 1.500 euros.
4. Mellor páxina Web con contidos adicados á gastronomía ou mellor traballo gráfico, 1.000.
Para máis información: www.lalin.org

IX Congreso de "Cultura europea"


Do 24 ao 27 de outubro de 2007 celebrarase en Pamplona o IX congreso internacional titulado "¿Sabe qué es "Cultura Europea?"
Esta reunión toma a forma dun congreso aberto, onde participarán expertos de diferentes eidos de coñecemento e onde os debates, presentacións de libros irán acompañados de concertos, exposicións e excursións.
A inscripción xa se facer a través da páxina http://www.unav.es/cee .

17.11.06

Concurso FAD para creativos universitarios

A Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD) e a Asociación de Axencias de Publicidade (AEAP) convocan este concruso para promover a reflexión crítica sobre o consumo de drogas.

O resultado emitirase na 22 edición de "El Sol, Festival Publicitario Iberoamericano" e para poder participar terase que estar no segundo ciclo da carreira de Publicidade e Relacións Públicas. Admitiranse traballos ata o 15 de marzo de 2007.

A campaña publicitaria terá que integrar como elementos mínimos: un script para un anuncio de televisión, un texto de unha cuña de radio, unha proba fotomecánica ou similar e unha campaña para Internet e móbil. A proba fotomecánica presentarase en cartón pluma de 5 mm de grosor e non excederá os 42 X 30 cm.

Cada participante cubrirá unha ficha na que incluirá: Nome da peza, nome e apelidos dos participantes, universidade á que pertencen, correo electrónico e teléfono de contacto.

Os traballos presentaranse na:
Fundación de Axuda Contra a Drogadicción (FAD)
Avda. Burgos 1 y 3
C.P. 28036
Madrid
Tel: 91 383 80 00

Para máis información pórse en contacto cos profesores Paulino Pérez, Mabel Míguez e Emma Torres.

Xornadas sobre emigración, inmigración e a súa proxección social a través da comunicación

Os vindeiros días 12, 13 e 14 de decembro, o Club Internacional de Prensa (da Secretaría Xeral de Comunicación, Presidencia, da Xunta de Galicia), celebrará unhas Xornadas destinadas a afondar na realidade dos fenómenos da emigración, inmigración e a súa proxección social a través da comunicación. As Xornadas celebraranse na Aula Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, na compostelá Carreira do Conde 18.

O boletín de inscrición deberá ser remitido ben por correo electrónico (club.inter.prensa@xunta.es), ben por fax ó 981 54 59 51, ou correo postal: Avda. da Coruña 6, baixo.

15.11.06

III Concurso de curtametraxes “Francisco Elías”

A Universidade de Huelva e a Fundación "El Monte" convocan o III concurso de curtametraxes.

BASES:

* Modalidade Universitaria: Poderán participar tódolos membros dacomunidade universitaria de calquera universidade española.

* Admitirase un máximo de tres obras por autor.

* As obras terán que ser orixinais e inéditas, en formato DVD, gravadasou subtituladas en castelán. A producción non poderá ser anterior axaneiro de 2002.

* As obras terán temática libre e non sobrepasarán unha duración máximade quince minutos.

* O prazo rematará o 30 de marzo de 2007.

* Establecerase un premio para a Modalidade Universitaria de 600 euros.

* As obras entregaranse persoalmente ou se enviarán a portes pagados:

* Máis información no teléfono 959218061 – 959218166 ou ben na páxinawww.uhu.es/pcultural

10.11.06

Hugo Stuven " O realizador publicitario como creador"



Hoxe venres día 10, Hugo Stuven fixo un percorrido pola historia dos anuncios televisivos, comenzando na década dos sesenta e rematando no momento actual. Este persoeiro do mundo televisivo explicou que a comezos dos sesenta chegaba con amosar os productos ou facer unha breve explicación porque o mercado non precisaba de máis para os mercar. A situación é verdadeiramente diferente na actualidade, onde as mensaxes están codificadas ata chegar a un punto que se non pertences ao target group ao que se dirixen case non entendes o acontecido no anuncio.
O realizador televisivo que tamén traballou en publicidade, sinalou que ás veces a creatividade cómese ao produto e como consecuencia moitas persoas lembran ós anuncios e non ás marcas que pretenden promocionar. De todos xeitos Hugo Stuven está a favor de que na televisión se empreguen elementos atraíntes para chamar a atención do público.

Futuro de televisión
No tocante ao futuro da televisión, o realizador amosou unha perspectiva que pasa por unha televisión máis interactiva, con moitas canles e moi segmentada.

8.11.06

Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social


Este seminario é unha iniciativa do Observatorio Galego dos Medios que procura profundizar na análise, formación e debate das ligazóns existentes entre o tecido organizativo da sociedade, os profesionais da comunicación e a comunidade universitaria.

Entre os seus obxectivos subliñamos están facer unha reflexión sobre a función social dos medios na sociedade actual ou a análise da participación dos medios de comunicación na construcción da cidadanía.

Desde esta premisa, abordaranse temas como o sexismo, a infancia, as persoas maiores, a exclusión social ou a responsabilidade social corporativa.

Entre as actuacións que se desenvolverán, inclúense a creación dun fondo documental especializado, o seguimento das noticias relativas a temáticas sociais e a elaboración de diversas unidades didacticas e manuais teóricas.

Para máis información: http://www.xornalistas.com

NOVA CONVOCATORIA DE PRAZAS DE INTERCAMBIO DO PROGRAMA ISEP

Nesta nova convocatoria, os estudantes da Universidade de Vigo matriculados en segundo ciclo ou nun programa de doutoramento ou posgrao oficial poderán cursar estudos nalgunha das 134 universidades estadounidenses que participan en ISEP durante un semestre (agosto-decembro) ou todo o ano (agosto-maio). O estudante terá aloxamento e manutención gratuítos, segundo o sistema de reciprocidade institucional, durante a súa estadía na universidade estadounidense e non aboará taxas de matrícula na universidade receptora. A convocatoria, a relación de universidades estadounidenses que participan no programa e os impresos de solicitude ISEP poderanse obter na seguinte páxina web: http://www.uvigo.es/ori (dentro de información para estudantes da Universidade de Vigo, programa ISEP). O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de decembro de 2005.

Conferencia "Contrastes": África con faz de muller


Este mércores levouse a cabo no Salón de Graos da facultade a conferencia titulada "Contrastes: África con faz de muller", que foi presentada por José M. Corbacho, Vicedecano de Alumnado e na que participaron Izelia Simbine, representante da Asociación Agripecuaria de Changalane de Mozambique e Xoán Hermida, Director da ONG galega Amarante.

Izelia Simbine que é Administradora Nacional da ACORD, relatou en primeira persoa cómo por medio desta organización se foron desenvolvendo unha serie de estructuras empresariais polas que acadaron emprego 215 mulleres.

O primeiro triunfo desta longa andaina acadouse cunha agrupación apícola, despois viñeron a ampliación e acondicionamento da escola e a construcción dunha maternidade.

SITUACIÓN DE MOZAMBIQUE
Segundo Izelia é moi difícil poder saír adiante sen axuda do exterior xa que a situación de Mozambique é moi complicada. É un país onde non se produce o necesario para manter á súa poboación, onde a esperanza de vida non supera os corenta e cinco anos e onde as desigualdais de xénero están moi lonxe de se superar. A pesar de ser unha realidade moi difícil, a Administradora da ACORD non perde a ilusión e na actualidade está traballando coa ONG galega Amarante para promover actividades de autoemprego.

6.11.06

SEMANA DA CIENCIA


Coa temática "Tecnoloxías da narración" daba comezo a Semana da Ciencia. Estas xornadas enmárcanse no conxunto de actividades levadas a cabo pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a través do Programa de Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+I.



Ao longo destes días serán convidados diferentes grupos de estudantes de bacharelato e de ciclos formativos para coñecer a importancia da elaboración de mensaxes en formatos narrativos audiovisuais, textuais e hipertextuais.

A xornada de hoxe que ía encamiñada a coñecer as técnicas de iluminación e realización televisiva desenvolveuse maioritariamente nos platós da facultade, onde os participantes puideron manexar as cámaras e demais aparellos tecnolóxicos para recrear un programa televisivo.

3.11.06

II PREMIO BÁRBARA-ANSÓN DE DOCUMENTAIS HISTÓRICOS E CULTURAIS

O premio Bárbara-Ansón que leva de título "El cine hace historia y cultura" terá un premio único e indivisible de 3.000 euros. No caso de quedar deserto sumarase a cantidade do premio á vindeira convocatoria.
Neste concurso poderán participar os autores de documentais históricos e culturais en lingua castelá cunha duración non superior aos 60 minutos.
Os participantes terán que remitir seis DVD por cada documental presentado, e tamén adxuntar nun sobre pechado, os datos personais, o enderezo postal e outra información que consideren pertinente.
O prazo de presentación de material rematará o 31 de marzo de 2007.
Para máis información: informacion@barbaraanson.org e para consulta do folleto pasar polo Decanato.

30.10.06

Conferencia "Introducción á tipografía"


Co gallo da presentación do libro "Teoría y práctica de la publicidad impresa" o profesor Pedro Pablo Gutiérrez González ófrecerá o día 3 de novembro unha conferencia sobre o valor persuasivo da tipografía. A esta cita tamén acudirá José Luis Martín Montesinos, profesor da Universidade Politécnica de Valencia e da Escola de Deseño Elisava de Barcelona. Despois do acto que se celebrará na Facultade de Ciencias Sociais ás 16:00 horas na aula 3, os oradores dirixiranse á "Casa del Libro" para ás 20:00 horas presentar a obra "Teoría y práctica de la publicidad impresa", obra de Pedro Pablo Gutiérrez González.

27.10.06

"AS SERIES DE TELEVISIÓN EN ESPAÑA"

O vindeiro 8 de novembro terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ás 11.00 a conferencia de Jesús Fontenla titulada "As series de televisión en España".
Jesús Fontenla ,xornalista da TVG, exporá a súa visión do tema neste acto organizado pola Área de Xornalismo e patrocinado polo Vicerreitorado de Extensión Cultural e Estudiantes.

25.10.06

JAIRO IGLESIAS ESTREA A SÚA CURTAMETRAXE CICATRICES EN PONTEVEDRA



Hoxe ás 13.00h estréase Cicatrices, a segunda curtametraxe do realizador santiagués Jairo Iglesias. Despois da proxección da curtametraxe realizarase unha charla-coloquio á que acudirán Jairo Iglesias (director), Sara Horta (axudante de dirección e coprodutora xunto a Iglesias), Andrés Rozados (encargado de publicidade e relacións públicas) e Estíbaliz Veiga, unha das actrices protagonistas. Os asistentes terán a oportunidade de disipar todas as súas dúbidas, de coñecer como foi a realización da curtametraxe e cales son os proxectos que Jairo Iglesias está a argallar.

Trala realización da súa primeira curta titulada Retrato, Iglesias presenta en Pontevedra a súa segunda obra: Cicatrices. Rodada na Coruña en febreiro deste año, conta cun reparto de auténtico luxo con actrices da talla de Isabel Blanco (que continúa coa promoción de `1 franco, 14 pesetas´), Estíbaliz Veiga (que xa participou na primeira curta do santiagués) e Xabier Deive (que vén de finalizar a rodaxe con Carmen Maura de ‘El menor de los males’).

Cicatrices ten unha duración de 15 minutos e foi rodada en vídeo de alta definición, producido por producciones RETRATO en coprodución con Formatoriginal e coa colaboración de PousadaSon, Dobleclic, e Hoteles Zenit. Coa estrea da súa segunda curta, Iglesias comparte o sétimo arte cos pontevedreses.

Para máis información pode contactar en:
www.produccionesretrato.com
http://www.jairoiglesias.com/

23.10.06

II Concurso fotográfico "Turismo Rías Baixas"

Nesta segunda edición do concurso fotográfico organizado pola Diputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas poderán participar tanto fotógrafos profesionais coma aficionados sempre que as súas fotografías reflictan diferentes aspectos do turismo na provincia.

Cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías en papel fotográfico normal ou en blanco e negro. O único formato válido será de 30X40 cm e as obras deberán ir montadas nun soporte ríxido de 40X50 para ser expostas.
O prazo de presentación rematará o 30 de novembro e a decisión do xurado darase a coñecer a comezos de decembro na www.riasbaixas.org.

No tocante aos premios, haberá un primer premio de 3.500 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro de 500, ademais de dous accésits de 250 cada un.

2ª Escola Permanente Fermín Penzol

Do 27 ao 29 de outubro terá lugar en Cacabelos (Vilafranca do Bierzo) a 2ª Escola Permanente Fermín Penzol.

As xornadas contarán con sesións de teatro, mesas redondas, un acto de homenaxe a Antonio Fernández Morales, unha excursión cultural ás Médulas e a V edición do "Banquete de Cacabelos".

Os interesados en inscribirse terán que o facer no correo anl@uvigo.es e posteriormente aboar 10 euros na conta 2080 0000 74 0040225994 de Caixanova.Aos participantes expediráselles un certificado de asistencia e validarase a súa participación cun crédito de libre elección.

20.10.06

Convocatoria dos Premios Nacionais Fin de Carreira

O Boletín Oficial do Estado do pasado 25 de setembro publicou a convocatoria dos "Premios Nacionales Fin de Carreira ", destinados ás persoas que remataron os seus estudos no curso 2005-06.
As bases xa poden ser consultadas na páxina Web do Ministerio de Educación e Ciencia .
O prazo para concurrir a esta convocatoria remata o día 30 de novembro.

1ª fase da Campaña de Doazón de Sangue


O Centro de Transfusión de Galicia iniciará a 1ª fase da Campaña de Dozaón de Sangue nas Universidades galegas para o curso 2006-07, visitando novamente as facultades e escolas dos tres campus.

Xornadas sobre “Documentación en medios de comunicación”


Nestas xornadas organizadas pola Universidade Pontificia de Salamanca reflexionarase sobre o papel da documentación na construcción dun periodismo de calidade e analizarase polo miúdo as posibilidades documentais do periodismo dixital.

Celebrarase do 26 ao 27 de outubro na Facultade de Comunicación da UPSA e terá un prezo de 40 euros para o público xeral e de 16 para estudantes universitarios.

Máis información: http://www.comunicacion.upsa.es

Curso de Portugués para a Administración


Este curso convocado polo Centro de Linguas da Universidade de Vigo será de 30 horas e terá lugar todos os martes e xoves entre o 7 de novembro de 2006 e o 25 de xaneiro de 2007, de 18:00 a 19:30, no Campus Universitario de Pontevedra.

O período de matrícula remata o día 30 de outubro e o prezo do curso será de 120 euros para o público xeral e de 90 para os membros da Universidade de Vigo.

Para poder obter o título acreditativo será preciso acudir ao 85% das clases.

Máis información:http://www.uvigo.es/areas/centrolinguas/index.gl.htm

Conferencia sobre "A crise no Estado autonómico"

O vindeiro luns, día 23 de outubro ás 17:00 horas terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación unha conferencia impartida polo profesor Juan José Solozábal, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Autónoma de Madrid e Secretario da Revista de Estudios Políticos do Centro de Estudios Políticos y Constitucionales.

Esta conferencia está encadrada no marco das actividades organizadas pola Área de Ciencia Política e da Administración Pública da Universidade de Vigo destinadas tanto a estudantes da institución como a todas aquelas persoas interesadas nestas temáticas.

A Facultade de Ciencias Sociais precisa de 8 becarios informáticos

A Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade convoca novas bolsas para a formación complementaria dos estudantes da Universidade de Vigo na aplicación nas tecnoloxías da información e da comunicación. Para a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación precísanse dous becarios para as aulas de informática, cunha adicación de 48 horas mensuais e cunha remuneración de 3,03 € /h., e dous para as aulas de Internet, cunha adicación de 80 horas e cunha remuneración de 3,875 €/h. Tamén serán de 80 horas as bolsas SC-Informática-VC, SC-Aparellos-TIC e SC-Comunicacións e Audiovisuais, anque o salario será maior, 5 €/h. Para máis información: http://www.uvigo.es/alumnado/bolsas/f_documentos/II_Convocatoria-2006.pdf

Concurso de deseño do escudo, logotipo ou imaxe da Facultade de Dereito de Ourense

BASES:

1. O soporte debe ser en papel, con variantes de blanco y negro e en color, tamén se debe entregar o mesmo deseño en formato dixital en CD ou DVD.

2. O tamaño a expoñer non debe exceder dunha folla DIN A-4. Poderanse entregar diferentes variantes do traballo ou varios traballos.

3. Os deseños entregaranse na Secretaría do Decanato da Facultade de Dereito, de 9:00 a 14:00 horas, nun sobre pechado cun seudónimo e outro no que figurarán os datos personais, nome, dirección, teléfono de contacto e se pertence á comunidade universitaria, especificar a que centro e sector pertence.

4. Todos os traballos entregados quedarán baixo o poder da Facultade de Dereito e os autores renunciarán expresamente a calquer tipo de dereito sobre eles.

5. Si ningún traballo atendese ás expectativas da Facultade de Dereito, o premio quedaría deserto.

6. O prazo de entrega finalizará ás 14:00 horas do 6 de novembro.

7. A partir desta data convocarase unha Xunta de Facultade extraordinaria para seleccionar o deseño gañador.

8. Poderán participar neste concurso todas as persoas da comunidade universitaria e o público en xeral.

9. O premio ascende a 150 euros a gastar en material de librería e o recoñecemento expreso de ser o autor da imaxe da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo.

18.10.06

Reapertura da Biblioteca

Comunícase a reapertura da Biblioteca Central de Pontevedra, tralas reformas nela e o traslado dos fondos bibliográficos da desaparecida Biblioteca de CC. da Educación. Case toda a colección está xa dispoñible excepto:

  1. Polo momento non se pode acceder aínda á consulta das revistas
  2. Non están dispoñibles aínda as obras coa signatura currens (CC. da Educación)

16.10.06

O día 18 remata o prazo de preinscrición nos cursos de galego

A Área de Normalización Lingüística no seu labor de promoción e utilización da lingua galega nas actividades da universidade ven de convocar unha serie de cursos de lingua galega: iniciación, perfeccionamento, extensión cultural, galego para a comunicación oral e redacción de textos escritos.

Estos cursos, validados con dous créditos, son de balde para a comunidade universitaria.

A matrícula poderá facerse na Área de Posgrao Virtual ou no teléfono 986 812 029.
Para máis información:
http://webs.uvigo.es/normalizacion/anl_cursos_normalizacion2006-2007

Curso de Cooperación e medios de comunicación

Do 16 ao 18 de outubro de 2006 vaise celebrar na Facultade de Filoloxía e Traducción de Vigo o curso de Extensión Universitaria "Cooperación e medios de comunicación".

O obxectivo fundamental do curso céntrase na análise da imaxe das comunidades do sur que constrúen os medios de comunicación coas súas mensaxes. Ao longo das xornadas tamén debatirase sobre os códigos de conducta no tocante ao fotoxornalismo e os medios de comunicación e o xénero.

Os profesionais convidados a compartir as súas experiencias e visións son: Alberto Quián do Faro de Vigo, Mar Barros e Paco Vila Barros de A Nosa Terra e Susana Rois da Radio Galega.

Para máis información: aluna@uvigo.es

11.10.06

Alberto Pena novo decano

A Xunta Extraordinaria de Centro celebrada onte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación elixiu ao profesor Alberto Pena Rodríguez como novo decano. Alberto Pena que sustitúe a Xaime Fandiño comeza esta andaina de tres anos coa meta da positiva aplicación do Plano de Boloña. No tocante ao equipo decanal, Mónica Valderrama Santomé e Carmen Ruíz Hidalgo proseguirán coma Vicedecanas das áreas de Calidade e Docencia e Asuntos Económicos respectivamente, tamén continúa Emma Torres Romay coma Secretaria do centro e o anterior responsable do programa Erasmus, Juan Manuel Corbacho Valencia, pasará a ocuparse do Vicedecanato de Alumnado.

III Congreso Internacional de Investigación e Relacións Públicas

A Asociación de Investigadores en Relaciones Públicas (AIRP) organiza o seu terceiro congreso baixo o título “Las Relaciones Públicas en la sociedad del conocimiento”.

As xornadas levaranse a cabo do 21 ao 23 de marzo de 2007.

Os principais temas a tratar serán:
1. Ética e responsabilidade social corporativa das RR.PP.
2. O sector profesional das RR.PP.
3. As RR.PP. en eidos especializados.
4. Novas tecnoloxías e RR.PP.

Para máis información: www.us.es/congresorrpp

9.10.06

VI CONGRESO DE COMUNICACIÓN LOCAL

Este VI Congreso de Comunicación Local (ComLoc 2006) que se celebrará os días 13, 14 e 15 de decembro na Universitat Jaume I de Castellón centrará a súa atención na prensa local. O seu obxetivo será definir o seu papel social e a súa posición no eido comunicativo cada vez máis diversificado e segmentado.

O programa do Congreso incidirá na importancia do intercambio de experiencias e investigacións entre as distintas universidades de España e do estranxeiro e inclúirá dúas sesións de comunicacións que serán seleccionadas polo Comité Científico. Os resumes das comunicacións deberán ser entregados antes do 31 de outubro e posuirán unha extensión de entre 200 e 300 palabras. Han de estar acompañados dun título, na mesa en que se integrarán, o nome do autor ou autores, institución e outros datos de localización.
Os traballos que sexan aceptados deberán ser presentados antes do día 15 de novembro, e non excederán a extensión de 12 folios DIN A4 cun espazo interlineal de 1,5 e escritos en Times New Roman (12), con 3 cm de marxe. Estos traballos remitiranse por correo electrónico á : comloc@uji.es . Unha vez que dispoñan dos textos definitivos poderán confeccionar o calendario final do Congreso.

Os grandes bloques temáticos do congreso xirarán arredor da prensa gratuita e local, os portais locais e o futuro da prensa local en Internet, a información local e a globalización e a opinión pública e a prensa local.

Os interesados poderán informarse sobre as normas de estilo na Web www.uji.es/publ/docs/normes.pdf .

As inscripcións faranse antes do 15 de novembro e os prezos serán os seguintes: asistentes xerais (100€) , estudantes e profesionais en paro (30€) e as comunicacións aceptadas 100 €.

28.9.06

O vindeiro día 2 de outubro non haberá clase

O luns próximo celebrarase o acto oficial de apertura de curso 2006-07 polo que as clases suspenderanse nesa xornada.