5.4.08

Ciencias Sociais e da Comunicación comezará a vindeira semana chea de actividades

Cunha presentación dun libro, dúas conferencias e varias actividades dos alumnos


Ana Terceiro Pontevedra

A axenda da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para a próxima semana preséntase bastante completa xa que unha presentación dun libro, dúas conferencias e varias actividades dos alumnos de cara á celebración da súa patroa, o día 24, serán os protagonistas do vindeiro luns, 7 de abril. Para comezar a xornada, o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Antonio Torres del Moral, impartirá a conferencia Liberdade de expresión e acción política, un tema de interese para os estudantes do centro. Pola súa banda, o profesor portugués Mário Mesquita presentará, xa pola tarde, a súa nova obra El cuarto equívoco ao que lle seguirá o relatorio O poder dos media na sociedade contemporánea. Para complementar o día, os alumnos de Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Xestión e Administración Pública teñen preparadas varias actividades que irán desenvolvendo ao longo das sucesivas semanas con motivo do festexo de Santa Kata’08.



As conferencias

Organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, terá lugar a conferencia Liberdade de expresión e acción política da man do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Antonio Torres del Moral. A cita é as 12.15 horas na aula 6 da Facultade de Ciencias Sociais e da comunicación e a asistencia é libre ata completar o aforo.
Pola súa banda, e con motivo da presentación do seu último libro, El cuarto equívoco, Mario Mesquita impartirá un relatorio sobre o poder dos medios de comunicación ás 17.00 horas no salón de graos do centro. O autor portugués, como unha das persoas de maior prestixio e influenza do seu país, afondará sobre diversos aspectos relacionados co papel dos medios en distintos escenarios políticos e sociais e exporá diferentes casos prácticos de comunicación desde unha perspectiva tanto nacional coma internacional.

Frases célebres

Image

Xa nun ton máis distendido e cun obxectivo sinxelamente lúdico, os estudantes do terceiro curso da titulación Publicidade e Relacións Públicas, están a organizar diferentes iniciativas con motivo da celebración da súa patroa Santa Catarina de Siena o vindeiro 24 de abril. Para comezar as actividades, unha caixa de correos localizada na entrada da facultade invita aos membros da comunidade universitaria a participar introducindo frases célebres de profesores ou dos propios alumnos. Nos próximos días irase descubrindo que outras sorpresas teñen preparadas os rapaces, como o concurso para escoller a camiseta que se comercializará en Santa Kata’08 e que xa está en marcha.

2 comentarios:

Cristina Costa dijo...

Las actividades de SantaKata las están realizando alumnos de las 3 titulaciones, no solo los de Publicidad, También los alumnos de 3º de Comunicación Audiovisual y los de Gestión Adiministrativa participan muy activamente de estas actividades. No me parece justo que siempre se lleven todo el mérito únicamente los de Publicidad.
Por favor, os pediría que publicaseis una corrección al respecto.

Anónimo dijo...

Gestión Administrativa dice...