14.5.07

Unhas xornadas de cine

Baixo o título Curtas.gz nacen, de mans dos propios estudantes universitarios, organizados nos Comités Abertos de Facultades (CAF), e do Cineclube da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, unhas xornadas que pretenden pór en valor a historia da curtametraxe en Galicia e, á vez, motivar aos alumnos no o seu desenvolvemento profesional.
Na presentación do acto, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, felicitou o labor realizado polos membros dos CAF, non só na organización destas xornadas, senón tamén no gran número de actividades que están a realizar en toda a Universidade e que “perseguen unha formación integral do alumnado, máis alá do estritamente académico”. Area apuntou tamén que esta iniciativa serve “para reivindicar e demostrar que no noso país existe unha gran creatividade, aínda que moitas veces se pase por alto”.
Pola súa banda, Ana Belén Fernández, directora de area de Extensión Universitaria e Estudantes do campus de Pontevedra, amosou o apoio co que contan este tipo de proxectos estudantís e definiu como propósito da vicerreitoría do campus “promover actividades de calidade propostas polo alumnado”.
Curtas.gz son unhas xornadas que, como sinalou o responsable dos CAF, “están feitas por e para os estudantes”, e que pretende, ao longo de dous días, afondar na historia do curtametraxismo en Galicia. A programación busca dar a coñecer a súa xénese e evolución, dende os seus inicios ata o cinema afeccionado dos anos 70 e 80, así como servir de punto de encontro para o debate en torno á realización de curtas na actualidade e tamén, reivindicar a necesidade dun cinema propio como símbolo da vitalidade cultural da nosa comunidade. Nese senso, o coordinador das xornadas, Bernal Rúa, fixo unha pequena reflexión sobre os grandes impedimentos cos que as curtas se tiveron que enfrontar nos seus inicios: “hai máis de 30 anos un grupo de intrépidos mozos amosou que era posible un cinema galego, para isto tiveron que loitar contra moitas dificultades propias do seu tempo e da discriminación” . Ademais Rúa, avogou pola necesidade de seguir creando historias e apuntou que “debemos ser críticos coa situación actual e demostrar que a nosa lingua no cine é tan válida como calquera outra”.

No hay comentarios: