23.5.07

Inauguración do VII curso complementario de Comunicación Corporativa


O protocolo como ferramenta de comunicación

As xornadas contan con máis de 200 alumnos inscritos

Un ano máis, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, convértese nun punto de encontro de expertos nacionais e internacionais en materia de protocolo. Todos eles, achegarán, ao longo de dúas xornadas, os seus coñecementos e experiencias nesta sétima edición do xa tradicional curso sobre Comunicación Corporativa e Protocolo que foi inaugurado esta mañá no campus.

Dirixido polo profesor Fernando Ramos, o curso conta, como sinalou o decano do centro, Alberto Pena, “cunha gran aceptación e éxito por parte do público”. Mostra disto son os máis de 200 inscritos, entre os que se atopan alumnos das tres universidades galegas e estudantes de diversas rexións de España e Portugal.

Baixo o título “Protocolo e protocolos para a comunicación de empresas e institucións: as ferramentas da excelencia”, as xornadas, responden a unha formación de carácter complementaria na que, como apuntou o seu organizador, “a Universidade proxecta o coñecemento cara a sociedade”.

Ramos subliñou, ademais, que no curso se entende o protocolo non só na súa acepción de “cerimonial”, senón máis ben como “unha ferramenta comunicativa para favorecer a imaxe pública de empresas e institucións”.

Para o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel Fernández, “o protocolo adquire, cada vez, unha maior importancia na nosa sociedade e, neste mundo tan globalizado, é fundamental un responsable que faga as relacións o máis fácil posible”.

A conferencia inaugural correu a cargo de Isabel Amaral, presidenta da Asociación Portuguesa de Estudos de Protocolo, quen analizou o protocolo institucional na empresa dende a perspectiva lusa. A relatora fixo un percorrido polo protocolo de Estado dende 1868 ata a actualidade e apuntou que no seu país este cerimonial é responsabilidade dun servizo de Protocolo de Estado que está en mans de representantes da sociedade e que “entre as súas competencias está definir as regras que deben presidir ao ritual, etiqueta e pragmática de acordo coas prácticas internacionais e coas tradicións do Estado portugués ”.

Ademais, ao longo desta xornada analizáronse, entre outros aspectos, as estratexias, os protocolos de actuación para a comunicación en crise, o valor monetario da excelencia ou os novos modelos e soportes para a información institucional.

Xoves

A xornada de mañá contará coa presenza de convidados de auténtico luxo. Ás 9.45 horas Juan Carlos Gafo e Alfredo Rodríguez, directores de protocolo da Presidencia do Goberno e do Ministerio de Defensa respectivamente, debaterán se é preciso a reforma do Real Decreto de Precedencias do Estado. A continuación, o profesor Fernando Ramos fará un breve apunte sobre a necesidade dun Estatuto para o Príncipe Felipe.

Unha análise sobre a cultura xerada polo viño de Oporto dende as perspectivas portuguesa e británica, centrará a seguinte conferencia ás 11.30 horas. Os relatores serán Manuel Cabral, director da Presidencia da Cámara Municipal do Porto, e o británico George Hall, consultor de comercio internacional.

O seguinte panel, ás 13.00 horas, buscará trazar o perfil do director da comunicación no século XXI e contará, para isto, coa presenza de expertos como Luís Ángel Sanz, Valentín Martínez ou Alejandro Kowalski.

Xa na sesión da tarde, as conferencias centraranse no protocolo e imaxe institucional nas Cortes de Aragón, os servizos exteriores da Universidade Pública, e por último, o rol dos Consellos Sociais na imaxe dos centros de educación superior. O acto de clausura terá lugar ás 19.45 a cargo de Fernando Ramos, organizador das xornadas.

No hay comentarios: