8.5.07

Ciclo de relatorios

Comeza o ciclo de relatorios “50 aniversario do Tratado de Roma: a integración europea a debate”

Organizado pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais e o Centro Europeo de Excelencia

Con motivo do 50 aniversario do Tratado de Roma, asinado o 25 de marzo de 1957, a Vicerreitoría de Relacións Institucionais e o Centro Europeo de Excelencia, organizaron o ciclo de relatorios “A integración europea a debate” que achegará aos tres campus da Universidade destacados expertos no ámbito da Unión Europea.

“A iniciativa pretende conmemorar o aniversario do que foi a pedra fundamental da actual UE. Naquel momento asináronse en Roma dous tratados que daban existencia á Comunidade Económica Europea, CEE, e a Comunidade da Enerxía Atómica”, sinala o profesor Celso Cancela, coordinador do ciclo.

As xornadas darán comezo mañá no campus de Vigo cun debate sobre o futuro da UE tras o fracaso da Constitución. Para analizar o tema contarase coa presenza de Carlos Closa, profesor de Ciencia Política e da Administración e subdirector xeral de Estudos e Investigación do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais. Será ás 12:30 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

“O impacto da Unión Europea no ordenamento español” é o tema elixido para a xornada do mércores nove de maio. Noemí García, profesora de Dereito Constitucional e Titular dun módulo Jean Monnet da Universidade será a encargada de falar sobre o tema.

Francisco Aldecoa, catedrático de Ciencia Política e da Administración e Titular dunha Cátedra Jean Monnet da Universidade Complutense de Madrid, é a persoa elixida para impartir un relatorio sobre o rescate substancial do Tratado de Constitución para Europa.

Estes dous últimos relatorios celebraranse no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o primeiro o 9 de maio ás 11:00 horas e o segundo o día 11 ás 12:00 horas.

Pontevedra

O campus de Pontevedra está presente neste ciclo de relatorios coa conferencia “A ampliación da UE: con ou sen Turquía”, que impartirá o profesor Celso Cancela na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o vindeiro 10 de maio ás12:00 horas. Cancela é docente do departamento de Ciencia Política e da Administración e Titular dun Módulo Jean Monnet da Universidade de Vigo.


Ourense

“Os límites da acción exterior da UE: a política europea de veciñanza” e “Quen teme a Constitución Europea” son os relatorios que se van impartir no campus de Ourense e, máis concretamente, no salón de graos da Facultade de Dereito.

A primeira conferencia será o 13 de maio ás 12:00 horas e para ela contarase coa presenza de Belén Sánchez, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais e Titular dun Módulo Jean Monnet da Universidade de Vigo. Namentres, a segunda das conferencias será o 15 de maio ás 17:00 horas. Francesc Morata, catedrático de Ciencia Política e da Administración, Titular dunha Cátedra Jean Monnet e director do Instituto Universitario de Estudos Europeos da Universidade Autónoma de Barcelona, é a persoa elixida para impartir esta conferencia.

No hay comentarios: