30.9.07

Axudas á investigación en lingua galega

A Universidade de Vigo convoca axudas para a redacción e defensa en lingua galega das teses de doutoramento, das teses de licenciatura, dos traballos tutelados de investigación de terceiro ciclo, e dos traballos e proxectos de fin de carreira.

Esta convocatoria realízase ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a Consellaría de presidencia da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para a promoción da lingua galega.

Destinatarios
Poderán acceder a estas axudas os estudantes que realicen durante o ano 2007 a redacción e defensa en galego da:
:: tese de doutoramento
:: tese de licenciatura
:: traballo de investigación tutelado de terceiro ciclo
:: traballo ou proxecto de fin de carreira en lingua galega

O traballo estará redactado en lingua galega de acordo coa normativa ortográfica e morfolóxica contida nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (18ª edición revisada, decembro de 2003), que recolle os cambios aprobados pola Real Academia Galega en xullo de 2003.

Máis información e impreso de solicitude na páxina web da Área de Normalización Lingüística.

III PREMIO BÁRBARA-ANSÓN de documentais históricos e culturais

"El cine hace historia y cultura"

>> Idioma: castelán
>> Premo: 3.000 euros
>> Data límite de entrega: 31 de marzo de 2008


Poderán concurrir á presente convocatoria os autores de documentais históricos e culturais en castelán dunha duración non superior ós 60 minutos.

Máis información

Préstamos MEC para Máster Oficial

A convocatoria de préstamos renda universidade saíu publicada no BOE o 13 de xuño de 2007.

Esta convocatoria é de interese para os estudantes de máster oficial, que poderán consultar unha información máis detallada no seguinte enlace da convocatoria publicada no BOE.

Máis cursos, congresos e seminarios validados por créditos de libre elección

O recoñecemento dos dous créditos de libre elección autorízase a TÓDALAS TITULACIÓNS DA UNIVERSIDADE DE VIGO.


CURSOS


- XXXII Curso de Saúde Ambiental
Centro organizador: Sociedad Española de Sanidad Ambiental (SESA)
Data de celebración: 8 - 11/10/2007

2 créditos de Libre Elección

- II Semana Medioambiental de Portas Abertas.
Centro organizador: Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Data de celebración: 17 - 20/10/2007
1 crédito de Libre Elección

- XIII Curso Obradoiro de Formación para o Voluntariado Internacional. Interdependencia Solidaria.
Centro organizador: INTERED GALICIA

Data de celebracion: Outubro 2007 - Xaneiro 2008
3 créditos de Libre Elección



Ver máis cursos validables por creditos de L.E.



12.9.07

Galicia e Portugal unidas pola vangarda artística en Fronteiras 07

I Encontro Internacional de Artes Transdisciplinares

A Illa de San Simón e a pequena vila portuguesa de Nodar converteranse, a partir do vindeiro 16 de setembro, en anfitrionas de “Fronteiras 07”. Trátase da primeira edición dun encontro internacional onde artistas dos máis diversos ámbitos convivirán e desenvolverán os seus proxectos ao longo de 10 días. A iniciativa, que xurdiu froito da colaboración entre o colectivo galego alg-a e o portugués Binaural, conta co respaldo da vicerreitoría do campus, a Consellería de Cultura e Deporte, Concello de Pontevedra e a Fundación Illa San Simón.

O fío condutor do encontro é, como sinalou Roi Fernández, presidente da asociación cultural alg-a, “o tema transfronteirizo analizado dende perspectivas tan diversas como a social, sentimental ou a política”. Pero tamén destaca como eixe desta proposta o concepto da diversidade xa que, como apuntou o representante da asociación Binaural, Luís Costa, “a orixe xeográfica dos artistas participantes é moi diversa: España, Portugal, Venezuela, Israel, Letonia, etc.”

Na presentación do acto, que tivo lugar esta mañá, na Casa das Campás, o vicerreitor do campus, Jesús Hernández sinalou que “Fronteiras 07 é o punto de arranque dunha serie de actividades que, impulsadas dende a vicerreitoría, desenvolveranse este outono”.

Hernández subliñou, na súa intervención, a gran riqueza do evento xa que “quen a impulsa é xente nova, con inquedanzas, que se move, comprende e comparte as súas experiencias culturais ”. Ademais, destacou que “esta iniciativa correspóndese cun dos eixes do plan estratéxico da Universidade que é unha maior relación con Portugal”.

Para Lola Dopico, concelleira de Cultura e Universidade, e gran coñecedora deste proxecto, “Fronteiras 07 converte a Pontevedra nun nodo de conexión de prácticas artísticas e medios de comunicación dun xeito moi achegado á realidade contemporánea e transfronteiriza”.

Pola súa banda, o xerente da Fundación Illa de San Simón, Xavier Méndez mostrouse aberto a suxestións promovidas por movementos asociativos, e avogou pola continuidade deste tipo de actividades relacionadas coa creación e a difusión cultural que “permiten seguir actualizando e desenvolvendo iniciativas do pobo”.

Nesa mesma liña, a delegada provincial de Cultura e Deporte, María Jesús López Escudero, amosou a súa satisfacción pola promoción de actividades desta categoría que ”axudan a vincular arte, ciencia e tecnoloxía coa sociedade”.

Programa
Ademais das residencias artísticas paralelas na Illa de San Simón e Nodar, Fronteiras 07 conta cun programa moi amplo de actividades que inclúen unha serie de conferencias e presentacións de proxectos, que se celebrarán os días 27 e 28 de setembro na Casa das Campás, e os 29 e 30 no Auditorio da Biblioteca Municipal de Barcelos en Portugal.
Como punto e final a esta iniciativa, a Sala X da Facultade de Belas Artes acollerá, do 2 de outubro ao 13 de novembro, unha exposición dos proxectos artísticos desenvoltos no ámbito do encontro. Co fin de mostrar os traballos resultantes no país veciño, esta mesma mostra viaxará o 20 de novembro ás Termas da San Pedro do Sul en Portugal.

O comezo do curso trae consigo a sexta edición do Programa de Maiores

Xa están abertos os prazos de preinscrición e matrícula

Co comezo das clases tamén botará a andar, un ano máis, o Programa para Maiores. Para esta sexta edición xa están abertos os prazos de preinscrición e matrícula, tanto para o ciclo intensivo como para o de especialización.

Esta iniciativa da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa comezou no curso 2001-2002 co obxectivo de abrir as aulas da Universidade ás persoas maiores dándolles a oportunidade de iniciar ou completar a súa formación académica. Ao tempo, este programa pretende tamén facilitarlles a interacción social e fomentar unha mellora na súa calidade de vida.
Para os que se matriculan por primeira vez, xa está aberto o prazo de preinscrición, que se pechará o vindeiro 14 de setembro. A matrícula formalizarase entre o 1e 5 de outubro.

Pola súa banda, os alumnos do segundo e terceiro curso poden realizar directamente a matrícula, que está aberta dende o pasado 3 de setembro e ata o vindeiro día 14.

A matrícula no ciclo de especialización, no que os alumnos cursan as materias conxuntamente co resto dos universitarios, está aberta ata o vindeiro 13 deste mes. Ademais, a Vicerreitoría puxo en marcha unha ampliación deste programa que permite que os xa titulados poidan cursar materias soltas. Esta opción para os alumnos que rematen os dous ciclos xurdiu ante a demanda dos mesmos para poder seguir estudando. Para eles, a matrícula estará aberta os días 18 e 19 deste mes de setembro.

Comezo das clases
A data para o comezo das clases tamén é diferente segundo se trate do ciclo intensivo ou de especialización. Para o primeiro, que comprende os tres primeiros anos, está previsto que se inicien as clases o vindeiro 15 de outubro. Para o ciclo de especialización, os alumnos volverán ás aulas unhas semanas antes, o 24 de setembro, cando comece o curso na Universidade.

7.9.07

A Casa das Campás acollerá a presentación de Fronteiras 07

I Encontro Internacional de Artes Transdisciplinares

Data: luns, 10 de setembro

Hora: 12.00 horas

Lugar: Casa das Campás

Asisten: Jesús Hernández Sánchez, vicerreitor do campus de Pontevedra; María Jesús López Escudeiro, delegada provincial de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia; Lola Dopico, concelleira de Cultura e Universidade de Pontevedra; Javier Méndez Martínez; xerente da Illa de San Simón; Luis Costa, representante da asociación cultural Binaural e Roi Fernández Alonso, presidente da asociación cultural alg-a.

A sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra acollerá, o vindeiro luns, a presentación do I Encontro Internacional de Artes Transdiciplinares: Fronteiras 07. Este evento consta dun programa de residencias en Galicia e Portugal no que convivirán durante dez días artistas internacionais e multidisciplinares. Ademais, paralelo a esta actividade, celebrarase, un ciclo de conferencias na Casa das Campás e unha exposición na Sala X da Facultade de Belas Artes.

A Universidade abre o prazo de matrícula para o CAP

O Curso de Aptitude Pedagóxica impartirase nos campus de Pontevedra e Ourense

A vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa manterá aberto, ata o vindeiro 11 de outubro, o prazo de inscrición do Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP) para o ano académico 2007-2008. A súa realización permitirá, aos alumnos que o superen, impartir docencia nos niveis de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacherelato e Formación Profesional Específica.

Os períodos de matriculación estrutúranse de xeito que, os estudantes con apelidos comprendidos do A ao N terán ata mañá de prazo para inscribirse, para os apelidos do O ao Z o intervalo será do 10 ao 14 de setembro e os casos especiais atenderanse os días 17 e 18 deste mesmo mes.

O CAP terá unha carga lectiva total de 15 créditos teórico-prácticos e desenvolverase a través de tres bloques: un común, independente da titulación de orixe do alumno, outro máis específico e un practicum, dedicado ás prácticas en centros de Secundaria e baixo a supervisión dun titor.

As clases, que se impartirán nos campus de Pontevedra e Ourense, comezarán o 8 de outubro na modalidade ordinaria e o día 19 na modalidade semipresencial.

Máis información

6.9.07

O Centro de Linguas presenta a súa nova oferta de cursos para este cuadrimestre

Os cursos son validables como créditos de libre configuración

Alemán, árabe, catalán, chinés, español para estranxeiros, francés, inglés, italiano, lingua de signos española, portugués, ruso e xaponés conforman a nova oferta de cursos que porá en marcha o Centro de Linguas para este primeiro cuadrimestre.

Como ven facendo dende os últimos tres anos, o Centro de Linguas organiza estes cursos pensando na comunidade universitaria e no público en xeral. O obxectivo é fomentar o plurilingüismo como ferramenta de comunicación, tanto nos ámbitos académico e laboral coma no persoal.

Entre as novidades deste ano destaca que tódolos cursos, salvo español para estranxeiros, terán unha duración de 45 horas, e estarán distribuídas en dúas sesións semanais de dúas horas, dende outubro ata xaneiro. Outra das primicias é a oferta de cursos de conversación en inglés e en lingua de signos española, que serán 20 horas e que estarán distribuídos nunha única sesión á semana.

Trátase dunha oferta ampla e moi completa de doce idiomas diferentes que se impartirán no campus de Vigo e que tamén terán presenza en Pontevedra e Ourense.

Os cursos, validables por créditos de libre configuración, abrirán a súa matrícula ao longo do mes de setembro. A inscrición farase online a través da páxina web do Centro de Linguas http://www.uvigo.es/areas/centrolinguas/index.gl.htm. Os interesados poden obter máis información no 986 81 22 50 ou ben na antedita páxina web.