12.9.07

Galicia e Portugal unidas pola vangarda artística en Fronteiras 07

I Encontro Internacional de Artes Transdisciplinares

A Illa de San Simón e a pequena vila portuguesa de Nodar converteranse, a partir do vindeiro 16 de setembro, en anfitrionas de “Fronteiras 07”. Trátase da primeira edición dun encontro internacional onde artistas dos máis diversos ámbitos convivirán e desenvolverán os seus proxectos ao longo de 10 días. A iniciativa, que xurdiu froito da colaboración entre o colectivo galego alg-a e o portugués Binaural, conta co respaldo da vicerreitoría do campus, a Consellería de Cultura e Deporte, Concello de Pontevedra e a Fundación Illa San Simón.

O fío condutor do encontro é, como sinalou Roi Fernández, presidente da asociación cultural alg-a, “o tema transfronteirizo analizado dende perspectivas tan diversas como a social, sentimental ou a política”. Pero tamén destaca como eixe desta proposta o concepto da diversidade xa que, como apuntou o representante da asociación Binaural, Luís Costa, “a orixe xeográfica dos artistas participantes é moi diversa: España, Portugal, Venezuela, Israel, Letonia, etc.”

Na presentación do acto, que tivo lugar esta mañá, na Casa das Campás, o vicerreitor do campus, Jesús Hernández sinalou que “Fronteiras 07 é o punto de arranque dunha serie de actividades que, impulsadas dende a vicerreitoría, desenvolveranse este outono”.

Hernández subliñou, na súa intervención, a gran riqueza do evento xa que “quen a impulsa é xente nova, con inquedanzas, que se move, comprende e comparte as súas experiencias culturais ”. Ademais, destacou que “esta iniciativa correspóndese cun dos eixes do plan estratéxico da Universidade que é unha maior relación con Portugal”.

Para Lola Dopico, concelleira de Cultura e Universidade, e gran coñecedora deste proxecto, “Fronteiras 07 converte a Pontevedra nun nodo de conexión de prácticas artísticas e medios de comunicación dun xeito moi achegado á realidade contemporánea e transfronteiriza”.

Pola súa banda, o xerente da Fundación Illa de San Simón, Xavier Méndez mostrouse aberto a suxestións promovidas por movementos asociativos, e avogou pola continuidade deste tipo de actividades relacionadas coa creación e a difusión cultural que “permiten seguir actualizando e desenvolvendo iniciativas do pobo”.

Nesa mesma liña, a delegada provincial de Cultura e Deporte, María Jesús López Escudero, amosou a súa satisfacción pola promoción de actividades desta categoría que ”axudan a vincular arte, ciencia e tecnoloxía coa sociedade”.

Programa
Ademais das residencias artísticas paralelas na Illa de San Simón e Nodar, Fronteiras 07 conta cun programa moi amplo de actividades que inclúen unha serie de conferencias e presentacións de proxectos, que se celebrarán os días 27 e 28 de setembro na Casa das Campás, e os 29 e 30 no Auditorio da Biblioteca Municipal de Barcelos en Portugal.
Como punto e final a esta iniciativa, a Sala X da Facultade de Belas Artes acollerá, do 2 de outubro ao 13 de novembro, unha exposición dos proxectos artísticos desenvoltos no ámbito do encontro. Co fin de mostrar os traballos resultantes no país veciño, esta mesma mostra viaxará o 20 de novembro ás Termas da San Pedro do Sul en Portugal.

No hay comentarios: