7.9.07

A Universidade abre o prazo de matrícula para o CAP

O Curso de Aptitude Pedagóxica impartirase nos campus de Pontevedra e Ourense

A vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa manterá aberto, ata o vindeiro 11 de outubro, o prazo de inscrición do Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP) para o ano académico 2007-2008. A súa realización permitirá, aos alumnos que o superen, impartir docencia nos niveis de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacherelato e Formación Profesional Específica.

Os períodos de matriculación estrutúranse de xeito que, os estudantes con apelidos comprendidos do A ao N terán ata mañá de prazo para inscribirse, para os apelidos do O ao Z o intervalo será do 10 ao 14 de setembro e os casos especiais atenderanse os días 17 e 18 deste mesmo mes.

O CAP terá unha carga lectiva total de 15 créditos teórico-prácticos e desenvolverase a través de tres bloques: un común, independente da titulación de orixe do alumno, outro máis específico e un practicum, dedicado ás prácticas en centros de Secundaria e baixo a supervisión dun titor.

As clases, que se impartirán nos campus de Pontevedra e Ourense, comezarán o 8 de outubro na modalidade ordinaria e o día 19 na modalidade semipresencial.

Máis información

No hay comentarios: