12.9.07

O comezo do curso trae consigo a sexta edición do Programa de Maiores

Xa están abertos os prazos de preinscrición e matrícula

Co comezo das clases tamén botará a andar, un ano máis, o Programa para Maiores. Para esta sexta edición xa están abertos os prazos de preinscrición e matrícula, tanto para o ciclo intensivo como para o de especialización.

Esta iniciativa da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa comezou no curso 2001-2002 co obxectivo de abrir as aulas da Universidade ás persoas maiores dándolles a oportunidade de iniciar ou completar a súa formación académica. Ao tempo, este programa pretende tamén facilitarlles a interacción social e fomentar unha mellora na súa calidade de vida.
Para os que se matriculan por primeira vez, xa está aberto o prazo de preinscrición, que se pechará o vindeiro 14 de setembro. A matrícula formalizarase entre o 1e 5 de outubro.

Pola súa banda, os alumnos do segundo e terceiro curso poden realizar directamente a matrícula, que está aberta dende o pasado 3 de setembro e ata o vindeiro día 14.

A matrícula no ciclo de especialización, no que os alumnos cursan as materias conxuntamente co resto dos universitarios, está aberta ata o vindeiro 13 deste mes. Ademais, a Vicerreitoría puxo en marcha unha ampliación deste programa que permite que os xa titulados poidan cursar materias soltas. Esta opción para os alumnos que rematen os dous ciclos xurdiu ante a demanda dos mesmos para poder seguir estudando. Para eles, a matrícula estará aberta os días 18 e 19 deste mes de setembro.

Comezo das clases
A data para o comezo das clases tamén é diferente segundo se trate do ciclo intensivo ou de especialización. Para o primeiro, que comprende os tres primeiros anos, está previsto que se inicien as clases o vindeiro 15 de outubro. Para o ciclo de especialización, os alumnos volverán ás aulas unhas semanas antes, o 24 de setembro, cando comece o curso na Universidade.

No hay comentarios: