11.2.10

Convocatoria ERASMUS

A ORI, en colaboración cos responsables de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, organizará sesións de información sobre a convocatoria ERASMUS 2010-2011.

A charla para o estudantado do Campus de Pontevedra, terá lugar no Salón de Actos da Escola de Fisioterapia, ás 09:00 horas o próximo xoves 18 de febreiro.

Lembramos que o prazo de presentación de solicitudes finaliza o día 26 deste mes.

4.2.10

I Congreso Publiradio

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB)acolle os días 13 e 14 de de abril o I Congreso Publiradio, organizado polo grupo de investigación en publicidade e comunicación radiofónica Publiradio.

O encontro pretende ser motivo para a reflexión sobre a capacidade da palabra como instrumento esencial da comunicación humana e o seu peso na actualidade en espectros de comunicación dixital.

Pódese consultar a información sobre o evento na páxina da UAB.

3.2.10

Alumnos de Ciencias Sociais e Comunicación filman un documental

Alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación filmarán un documental sobre a biodiversidade do río Gafos. Os estudantes realizarán un audiovisual dunha duración aproximada de vinte minutos sobre a fauna e a flora deste río, principal foco de atención do colectivo ecoloxista Vaipolorío, para difundilo en colexios, concellos e entidades sociais e culturais.
Fonte: Duvi

2.2.10

Televisión local, a nostalxia da identidade no contexto 'portogués

Duvi
Unha serie de factores, como os fenómenos de descentralización e as novas tecnoloxías, que permitiron pasar dun sistema de oferta de masa a un sistema de demanda, impulsou un cambio de paradigma na televisión, sobre todo local, cara a unha concepción máis participativa e ligada á contorna. Esta é unha das principais conclusións da tese Televisión local, a nostalxia da identidade no contexto 'portogués', presentada por Cristina Teresa Salvador Rebelo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e cualificada con sobresaliente cum laude.
O estudo analiza a relación da televisión de proximidade, en concreto na rexión do Porto, co territorio xeográfico e simbólico, coa creación de identidade e como potenciadora de visibilidade e desenvolvemento local, un tema que a autora considera “pouco explorado no panorama mediático de Portugal”. Comezou a interesarse por el a raíz da aparición da primeira televisión local no Porto, a NTV, e finalmente procurou trazar unha explicación crítica da televisión de proximidade portuguesa a través dun estudo de caso doutro medio máis recente, Porto Canal. Segundo a investigadora, o movemento actual das televisións rexionais “comezou a manifestarse sobre todo no norte do país e reflicte esa mudanza de paradigma, que aparentemente poñería dun lado a instrumentalización e do outro a autonomía”.

1.2.10

Buscamos fotos e vídeos

Estamos a remozar a páxina web da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e consideramos necesario ilustrar audiovisualmente os espacios coma as actividades realizadas no centro.
Posto que o que queremos ofrecer é unha visión da comunidade parece o máis lóxico mostrala a través da mirada de aqueles forman parte e partipan nela polo que comunicamos o interese en recibir todo tipo de formatos susceptibles de ilustrar o novo espacio web.
Aquelas persoas interesadas en aportar as súas visións poden enviar un correo electrónico a axendacsc(arroba)gmail.com.
Co obxectivo de facilitar a xestión dos correos e adxudicar as autorías solicítase o seguinte formato para a mensaxe:

Asunto:
a. fotoCSC. Para a achega de fotos.
b. videoCSC. Para a achega de vídeos.
c. audioCSC. Para a achega de formatos de audio

Autoría:
Nome de autor@s.
Titulación que cursan os autores.
Ano de promoción.
Titulo ou nome do espacio ou actividade que ilustra o material achegado.
Enlace ó material en cuestión.

A fin de que sexan máis facilmente localizables, solicítase tamén que os materiais sexan etiquetados nos repositorios en que estén aloxados coas etiquetas correspodentes fotoCSC, videoCSC, audioCSC, presentacionCSC, etc e baixo licencia creative commons ou similar.

Gracias de antemán, polas vosas aportacións.