31.7.07

Os titulados do Programa de Maiores poderán continuar estudando materias soltas unha vez rematen a súa formación

A preinscrición para o primeiro curso xa está aberta

Co obxectivo de ofrecer ás persoas adultas un espazo formativo e de intercambio cultural e un ámbito de socialización, a Universidade continúa un ano máis co Programa para Maiores, que ten a preinscrición para o primeiro curso aberta ata o vindeiro 14 de setembro. Coa experiencia dos últimos catro anos, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, destaca “o interese e motivación dos estudantes e a satisfacción que amosan unha vez que toman parte nesta iniciativa, tanto eles como os docentes”.
O Programa para Maiores estrutúrase en dous ciclos. O primeiro, que consta de tres cursos, é un ciclo intensivo cunha docencia adaptada ás necesidades destes alumnos, mentres que no ciclo de especialización, comparten aulas e materias cos universitarios que cursan os seus estudos nas distintas escolas e facultadas. Ao rematar cada un destes ciclos os estudantes obterán un título propio: “graduado senior co ciclo intensivo e graduado superior co de especialización”, explica Membiela.
Nos tres primeiros cursos, a finalidade é facilitarlles unha docencia adecuada á súa situación persoal axudándolles no proceso de adaptación aos cambios dos novos tempos. Así, as materias específicas van dende a identidade psico-social da persoa adulta, as novas tecnoloxías, inglés, saúde e calidade de vida, dereito básico ou historia. As materias combínanse con obradoiros de música, expresión corporal ou fotografía.
Xa no ciclo de especialización as materias ofertadas están en relación coas titulacións que compoñen cada un dos tres campus podendo elixir entre unha ampla oferta.

Novidade
Ao finalizar o vindeiro curso 2007-2008 rematará o ciclo de especialización a primeira promoción deste programa obtendo o título de graduado superior. Para todos eles e, respondendo a unha demanda dos propios estudantes, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa anunciou como novidade “a posibilidade, unha vez rematados os estudos e obtido o título, de continuar formando parte da comunidade universitaria matriculándose en materias soltas das titulacións oficiais”. Segundo Membiela “este é un indicativo de que a xente está contenta e quere continuar, de que están motivados para seguir formándose na Universidade”. Como apunta o vicerreitor “os méritos do programa van en dúas direccións: ofertamos unha formación ampla cun compoñente cultural importante e un outras persoas, sempre están moi motivados no aspecto relacional e forman grupos moi unidos de alumnos e moi activos dentro e fóra das aulas. Neste sentido representa un compromiso persoal e de superación, xa que teñen que asistir regularmente a clase, aprender e traballar. É unha maneira de dar sentido a unha etapa da vida”.

Prazos

Ata o vindeiro 14 de setembro permanecerá aberta a preinscrición para os novos estudantes que se matriculen no primeiro curso, matrícula que farán efectiva entre o 1e o 5 de outubro. Para os estudantes de segundo e terceiro curso o prazo de matrícula abrirase do 3 ao 14 de setembro. Para o ciclo de especialización, cuarto e quinto curso, a matrícula debe formalizarse entre o 3 e o 13 de setembro. No que se refire á novidade para os titulados de cursar materias soltas, esta deberá realizarse os días 18 e 19 de setembro.

26.7.07

3ª edición Premio Ideas Mª José Jove Santos

Fundación Una Galicia Moderna

Convocatoria
A fundación Una Galicia Moderna convoca a terceira edición do Premio Ideas Mª José Jove Santos correspondente ao ano 2007.

Obxecto
O Premio Ideas á creación de empresas ten como finalidade promover e incentivar iniciativas dirixidas a impulsar o desenvolvemento da economía, así como, fomentar o autoemprego para licenciados mozos de tódalas titulacións, mellorando deste xeito o futuro da mocidade galega.

Participantes
Os premios outorgaranse a persoas, empresas e institucións que presenten un plan de negocio que xere emprego e riqueza. Terán preferencia as ideas presentadas por persoas menores de 30 anos.

Dotación
O premio Ideas Mª José Jove Santos correspondente ao ano 2007 consiste nunha dotación económica de 9.000€ que se destinarán a premiar as mellores iniciativas do ano para a creación de empresas e á innovación no ámbito galego.
O mellor proxecto premiarase con 6.000€ e co fin de recoñecer as achegas de maior relevo concederanse dous galardóns máis de 2.000€ e 1.000€.

Prazo
O prazo comezará o 3 de setembro e finalizará o 1 de outubro de 2007 ás 15:00 horas.

Máis información

16.7.07

A especialización e a profesionalización centran a oferta complementaria da Universidade para o vindeiro curso 2007-2008

A Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa presentou o novo catálogo de curso

A especialización dos titulados e a formación continua dos profesionais son os obxectivos principais arredor dos que se artella a oferta de títulos propios e cursos complementarios da Universidade de Vigo para o vindeiro curso. Presentada o pasado venres 13 de xullo polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, e polos coordinadores de varios dos títulos, a oferta comprende másters, cursos de especialistas, cursos de formación e cursos complementarios.
Segundo salientou Pedro Membiela, “esta oferta propia da Universidade complementa ás titulacións oficiais aportando un fondo compoñente social, xa que recolle os intereses e necesidades dos distintos sectores, captando as necesidades formativas e específicas de cada un deles”.
Para poder responder tanto ás necesidades formativas como ás profesionalizantes, o profesorado destes cursos incluirá tanto a docentes universitarios como a representantes das propias empresas do sector e incluso da administración pública tanto galega, como estatal e europea.

Novidades
No que se refire aos másters e cursos de especialista, o catálogo inclúe varias novidades. Entre elas, o Máster en Ciencias da Enfermaría, o Curso de Especialista en Enfermaría de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes e o Curso de Especialista en Dereito Angloamericano. O primeiro deles está dirixido a diplomados e licenciados da rama sanitaria para complementar a súa formación universitaria en conceptos científicos, xurídico-sociais, humanísticos e tecnolóxicos. Pola súa banda, o curso de Enfermaría de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes xurdiu para paliar as carencias existentes neste campo e para poñer ao día aos diplomados en novos coñecementos e técnicas, sobre todo de cara a posibles catástrofes. O curso de especialista en Dereito Angloamericano especializará neste campo aos titulados, afondando en temas como a Common Law, o sistema xurídico continental europeo ou o dereito nos Estados Unidos.

Continuidade
A posterior incorporación laboral dos matriculados é segundo Membiela “a razón de ser destes cursos e a sucesión das edicións ratifica o éxito neste campo”, aínda que tamén destacou que aumenta constantemente o número de matriculados que xa son profesionais cualificados.
Entre os másters e cursos que repiten dentro da oferta cabe destacar o máster en Políticas Comunitarias, Desenvolvemento e Cooperación Transfronteiriza, coordinado por Luís Domínguez, que salientou que o obxectivo é “formar xestores das políticas e programas comunitarios da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
O Máster en Dereito Tributario vai xa pola súa segunda edición e conta coa colaboración, tanto en financiamento como en profesorado, da Consellería de Economía e Facenda, o Instituto de Estudos Fiscais e varios despachos profesionais. Baixo a coordinación da profesora Ana María Pita, este título propio está destinado a licenciados e profesionais que se dediquen á asesoría tributaria para actualizar os seus coñecementos ante os cambios da lexislación.
Dende o Departamento de Economía Aplicada, María Dolores Garza, dirixe o III Máster en Economía e Xestión da Pesca e da Acuicultura. Segundo salientou na presentación, “naceu a petición do sector pesqueiro e supón a resposta á necesidade da profesionalización”. Dirixido a titulados e traballadores desta industria ten unha orientación pluridisciplinar en campos como bioloxía, medio ambiente, recursos mariños...
Tamén repiten edición o Master en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca, dirixido polo ex reitor, José Antonio Rodríguez; o Máster Curso de Especialista en Auditoría e Contabilidade; o Curso de Especialista en Seguridade Social, coordinado por Jaime Cabeza; e o V Curso de Especialista en Fisioterapia do Deporte, da man do director da escola, Gustavo Rodríguez. Segundo salientou este último, “foron os propios egresados da titulación os que, na avalicación da mesma, resaltaron a necesidade formativa no eido do deporte, un dos de máis saída profesional para os nosos estudantes”.

Na páxina web da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa pódese consultar tanto os másters e cursos de especialista como a oferta completa de cursos complementarios e de formación.

11.7.07

II MASTER

EN POLÍTICAS COMUNITARIAS, DESENVOLVEMENTO E COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA



IMPORTANCIA DESTE MASTER
No momento actual de converxencia da educación superior
en Europa é oportuno ofertar un título propio de Master, en
colaboración coa Universidade de Minho. A existencia de
cátedras Jean Monnet de integración europea nas dúas
universidades e de Módulos Jean Monnet, a concesión dun
Centro de Excelencia Jean Monnet na Universidade de Vigo,
a existencia dun Centro de Documentación Europea na
Universidade de Minho, a parcería das dúas universidades
na estructura transfronteiriza EURES (EURopean
Employment Services) Transfronteirizo Galiza-Norte de
Portugal, avala a calidade da docencia a impartir dentro dos
estudos de políticas comunitarias e da cooperación
transfronteiriza desde unha perspectiva decididamente
interdisciplinar: economía, ciencia política e da
administración, dereito, socioloxía, demografía, ciencias
ambientais e historia.


O mercado único europeo multiplicou os intercambios de
persoas, servizos e mercadorías entre os paises membros
da Unión Europea. No caso de España e Portugal, a fronteira
luso-galaica é a máis poboada e tamén a que viu medrar en
maior medida eses intercambios, Por outra banda, desde
1991 hai un entramado institucional crecente para
fomentar a cooperación transfronteiriza como modo de
afortalar, mutuamente, o noso desenlvovemento para
deixar atras definitivamente a condición de rexións de
converxencia, esto unido a posta en marcha do novo período
de programación comunitaria 2007-2013, fai necesario
abordar a formación de expertos en políticas comunitarias
ao servizo do desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte
de Portugal.



OBXECTIVO
O obxectivo do programa consiste na formacion de
tituladas/os universitarias/os con sólidos coñecementos
da Unión Europea nas súas verquentes organizativas,
funcionais e de mobilidade e cooperación, dotándoas de
ferramentas prácticas para contextualizar as políticas
públicas comunitarias nunha rexión concreta e para tirar
proveito das mesmas ao obxecto de contribuír a un maior
desenvolvemento rexional, capacitados para deseñar
estratexias de desenvolvemento endóxeno da eurorrexión
no marco das políticas europeas e rexionais.



DESTINATARIOS
Licenciadas/os universitarias/os de calquera ámbito de
coñecemento, traballadoras/es da administración, empresa
privada ou do terceiro sector asi como profesionais no
exercizo libre da súa profesión, co nivel universitario esixido,
que desexen complementar a súa formación universitaria
inicial, especializarse e/ou adquirir unha formación de
posgrao sobre políticas comunitarias, desenvolvemento e
cooperación transfronteiriza.


MODALIDADE
Semipresencial e con plataforma on-line.
Días de sesións presenciais: os xoves en quenda de tarde.



DIRECCIÓN DO MÁSTER
Luis Domínguez Castro
Profesor Titular de Historia Contemporánea
Jean Monnet Chair de Historia da Construcción Europea
Universidade de Vigo


Enrique José Varela Álvarez

Profesor Axudante de Ciencia Política e da Administración
Universidade de Vigo



ADMISIÓN
Para a admisión terase en conta o expediente académico, o
curriculum vitae e a motivación da/o solicitante.

LUGAR
Facultade de Filoloxía e Tradución
Campus Universitario de Vig

MATRÍCULA E CALENDARIO

Preinscrición: Do 02/07/2007 ao 31/08/2007
Matrícula: Do 03/09/2007 ao 28/09/2007
Calendario: Do 04/10/2007 ao 27/06/2008
Sesións presenciais: Os xoves de 16:30 a 20:30 horas
Taxas do Máster: 1.000 €

Diríxase á páxina de Bubela e introduza o seu nome de usuario e contrasinal (lembre que debe estar rexistrado previamente), acceda ao catálogo de cursos, seleccione este máster e, por último, prema no botón “Preinscribir”.
5 bolsas de 210 € para pago do custo da matrícula

ENTIDADES ORGANIZADORAS

Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo
Centre of Excellence Jean Monnet European
Cross-Border (Universidades de Vigo e do Minho)

INFORMACIÓN

dominguez@uvigo.es
evalvarez@uvigo.es

4.7.07

II Convocatoria BOLSAS INFORMÁTICA

O prazo para presentar solicitudes remata ás 14:00 horas do 05 de xullo de 2007


A Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade fixo pública a 2ª convocatoria conxunta do ano 2007 de 9 bolsas para a formación complementaria dos estudantes da Universidade de Vigo nos Sistemas Informáticos e de 4 bolsas para a formación complementaria dos estudantes da Universidade de Vigo nas aplicacións de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións

Máis información (inclúe impreso de solicitude)

3.7.07

Cursos, congresos e seminarios validados por créditos de libre elección

2 Créditos de Libre Elección

O recoñecemento dos dous créditos de libre elección autorízase a TÓDALAS TITULACIÓNS DA UNIVERSIDADE DE VIGO.

CURSOS

- Formación on-line en igualdade de oportunidades.
Centro organizador: Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación.
Datas de celebración: 16/06 - 10/08/2007

- Seminario de Planificación Empresarial.
Centro organizador: Vicerreitorado de Planificación.
Datas de celebración: Xullo - Novembro 2007

-Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais.
Centro organizador: Deputación Provincial de Ourense.
Datas de celebración: 11 - 22/06/2007

- VII Xornadas Universitaria de Emprego de Galiza e Norte de Portugal (Pontevedra).
Centro organizador: Vicerreitoría de Relacións Institucionais.
Datas de celebración: 19 - 20/02/2008

- VII Xornadas Universitaria de Emprego de Galiza e Norte de Portugal (Ourense).
Centro organizador: Vicerreitoría de Relacións Institucionais.
Datas de celebración: 21 - 22/02/2008

- VII Xornadas Universitaria de Emprego de Galiza e Norte de Portugal (Vigo).
Centro organizador: Vicerreitoría de Relacións Institucionais.
Datas de celebración: 18 - 19/02/2008