16.7.07

A especialización e a profesionalización centran a oferta complementaria da Universidade para o vindeiro curso 2007-2008

A Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa presentou o novo catálogo de curso

A especialización dos titulados e a formación continua dos profesionais son os obxectivos principais arredor dos que se artella a oferta de títulos propios e cursos complementarios da Universidade de Vigo para o vindeiro curso. Presentada o pasado venres 13 de xullo polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, e polos coordinadores de varios dos títulos, a oferta comprende másters, cursos de especialistas, cursos de formación e cursos complementarios.
Segundo salientou Pedro Membiela, “esta oferta propia da Universidade complementa ás titulacións oficiais aportando un fondo compoñente social, xa que recolle os intereses e necesidades dos distintos sectores, captando as necesidades formativas e específicas de cada un deles”.
Para poder responder tanto ás necesidades formativas como ás profesionalizantes, o profesorado destes cursos incluirá tanto a docentes universitarios como a representantes das propias empresas do sector e incluso da administración pública tanto galega, como estatal e europea.

Novidades
No que se refire aos másters e cursos de especialista, o catálogo inclúe varias novidades. Entre elas, o Máster en Ciencias da Enfermaría, o Curso de Especialista en Enfermaría de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes e o Curso de Especialista en Dereito Angloamericano. O primeiro deles está dirixido a diplomados e licenciados da rama sanitaria para complementar a súa formación universitaria en conceptos científicos, xurídico-sociais, humanísticos e tecnolóxicos. Pola súa banda, o curso de Enfermaría de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes xurdiu para paliar as carencias existentes neste campo e para poñer ao día aos diplomados en novos coñecementos e técnicas, sobre todo de cara a posibles catástrofes. O curso de especialista en Dereito Angloamericano especializará neste campo aos titulados, afondando en temas como a Common Law, o sistema xurídico continental europeo ou o dereito nos Estados Unidos.

Continuidade
A posterior incorporación laboral dos matriculados é segundo Membiela “a razón de ser destes cursos e a sucesión das edicións ratifica o éxito neste campo”, aínda que tamén destacou que aumenta constantemente o número de matriculados que xa son profesionais cualificados.
Entre os másters e cursos que repiten dentro da oferta cabe destacar o máster en Políticas Comunitarias, Desenvolvemento e Cooperación Transfronteiriza, coordinado por Luís Domínguez, que salientou que o obxectivo é “formar xestores das políticas e programas comunitarios da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
O Máster en Dereito Tributario vai xa pola súa segunda edición e conta coa colaboración, tanto en financiamento como en profesorado, da Consellería de Economía e Facenda, o Instituto de Estudos Fiscais e varios despachos profesionais. Baixo a coordinación da profesora Ana María Pita, este título propio está destinado a licenciados e profesionais que se dediquen á asesoría tributaria para actualizar os seus coñecementos ante os cambios da lexislación.
Dende o Departamento de Economía Aplicada, María Dolores Garza, dirixe o III Máster en Economía e Xestión da Pesca e da Acuicultura. Segundo salientou na presentación, “naceu a petición do sector pesqueiro e supón a resposta á necesidade da profesionalización”. Dirixido a titulados e traballadores desta industria ten unha orientación pluridisciplinar en campos como bioloxía, medio ambiente, recursos mariños...
Tamén repiten edición o Master en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca, dirixido polo ex reitor, José Antonio Rodríguez; o Máster Curso de Especialista en Auditoría e Contabilidade; o Curso de Especialista en Seguridade Social, coordinado por Jaime Cabeza; e o V Curso de Especialista en Fisioterapia do Deporte, da man do director da escola, Gustavo Rodríguez. Segundo salientou este último, “foron os propios egresados da titulación os que, na avalicación da mesma, resaltaron a necesidade formativa no eido do deporte, un dos de máis saída profesional para os nosos estudantes”.

Na páxina web da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa pódese consultar tanto os másters e cursos de especialista como a oferta completa de cursos complementarios e de formación.

No hay comentarios: