12.6.07

Cursos de verán no campus




O turismo rural, unha fonte de emprego e desenvolvemento social
Do 9 ao 12 de xullo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación



Os produtos turísticos no medio rural e a súa promoción son o obxecto de análise dun dos tradicionais cursos de verán que realiza a Universidade de Vigo en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). O seminario, que conta ademais co patrocinio da Xunta de Galicia, Caixanova e a Cámara de Comercio de Pontevedra, foi presentado esta mañá na Casa das Campás.
Baixo o título “Elaboración e promoción de produtos no turismo rural: efectos na demanda”, o curso pretende afondar nas diferentes orientacións existentes en España e no norte de Portugal sobre a situación e previsible evolución dos produtos do turismo no medio rural. Todo dende a perspectiva do uso sustentable dos recursos e da proxección cara os mercados emisores de demanda.

Para o director da actividade, o profesor Xulio Pardellas, “este é un ámbito de traballo moi importante para a nosa comunidade e cun enorme potencial”. O seminario, que chega a súa sétima edición, está orientado a coñecer os produtos existentes, a súa repercusión sobre o incremento do emprego e da renda, o que se está a facer noutras áreas de España e tamén a súa promoción e difusión. Pardellas destacou este último punto e sinalou que “o fin é espertar a sensibilidade de que é tan importante ter un bo produto como unha comunicación”.

O curso, que terá lugar do 9 ao 12 de xullo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, vai dirixido fundamentalmente a estudantes das titulacións de Turismo, Económicas, Comunicación Audiovisual e Publicidade e RR.PP. Para esta última, segundo Ana Belén Fernández, directora da área de Extensión Universitaria e Estudantes do campus de Pontevedra, “o seminario resulta especialmente interesante xa que afondará na organización e difusión de eventos neste ámbito de traballo”.

Ao longo de catro xornadas pasarán polo seminario numerosos docentes da Universidade de Vigo como Xaime Fandiño, Fortunato Rodríguez, Carlos Soutelo, Pedro Figueroa, Ana Dopico, Carme Padín ou o propio director do curso, Xulio Pardellas. Ademais participarán persoeiros como o director Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, profesores das Universidades de Santiago, Oviedo, Jaen e Minho, así como expertos e profesionais do sector.

Publicacións
Xunto co obradoiro, no acto tamén se presentou a publicación “Turismo de interior en áreas fronteirizas: recursos e ofertas”. A obra, que contou co patrocinio de Caixanova, é o resultado da recompilación das ponencias do curso anterior e, como sinalou Pardellas, “ven a significar, xunto coas anteriores edicións, un importante acervo material a disposición de todos”.
Pola súa banda o subdirector de Caixanova, Antonio Gómez, subliñou que “o libro é un estudo en profundidade das posibilidades que ofrece o turismo”, e que “ademais encaixa cos eixes da filosofía da institución: formación e investigación”.
Información sobre a matrícula
A matrícula está aberta o 21 de maio de 2007, prazas limitadas. Os interesados poderán recoller o impreso de matrícula en Secretaría de Decanato.
Importe da matrícula: 123 euros.
Alumnos de universidades de A Coruña, Santiago ou Vigo: 62 euros.
O plazo de solicitude de becas estará aberto ata o vindeiro vernes, 15 de xuño de 2007 (a beca consiste na gratuidade da matrícula).
Para ampliar información, entra na páxina da UIMP

No hay comentarios: