10.5.07

Políticas Culturais


Ademais da charla sobre a integración de Turquía na Unión Europea, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación contou, nesta xornada, coa participación do Doutor en Ciencia Política da Universidade de Montpellier, Enmanuel Negrier, quen falou sobre as políticas culturais nas áreas metropolitanas de Francia.

A charla, organizada pola Área de Socioloxía contou coa presenza dos profesores Xoán Bouzada e Xesús Laxe. Ambos docentes destacaron a importancia que este tipo de políticas están adquirindo hoxe en día para os expertos en Publicidade e Relacións Públicas: “é un viveiro laboral para os profesionais das titulacións que aquí se imparten”, subliñou Bouzada.

O relatorio de Negrier afondou na territorialidade e planificación da cultura en Francia. Este tipo de políticas teñen, como sinala o experto “unha historia de 47 anos e o seu nacemento se explica pola unión de cultura e estado do benestar ”.

Negrier explicou tamén aos asistentes os debates que, con respecto a esta materia, se están a suscitar actualmente en Francia. O primeiro deles é o de territorialidade, que se centra nas modalidades de intervención do Estado, así como o papel que desenvolven os poderes rexionais, provinciais, municipais ou metropolitanos na xestión da cultura. O segundo debate é sobre os procedementos, concibidos de xeito unilateral ou bilateralmente: “trátase de compartir ou non o financiamento ”. E xa por último, o conflito sobre as finalidades: “se as políticas culturais se xustifican por si mesmas ou se están ao servizo doutros obxectivos públicos”, sinalou o experto, quen concluíu a súa charla optando por unha postura intermedia, “o futuro da política cultural está en cruzar o compromiso entre ambas finalidades”.

No hay comentarios: