10.5.07

Europa vista polos expertos


Charlas sobre a ampliación da UE e as políticas culturais

A posible integración de Turquía na Unión Europea centrou o debate nunha das conferencias que se celebrou esta mañá, na Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación.

O profesor do departamento de Ciencia Política e da Administración, Celso Cancela, foi o encargado impartir a charla na que se trazou, ademais dun perfil do país asiático, as vinculacións históricas co Estado Europeo e as actuais posturas dos membros da UE ante a súa posible adhesión.

A conferencia formaba parte dun ciclo que, con motivo do 50 aniversario da firma do Tratado de Roma, e baixo o título “A integración europea a debate”, pretende achegar aos tres campus universitarios as opinións de expertos nesta materia.

No seu relatorio Cancela explicou aos asistentes a actual situación política do país: “nestes momentos é moi delicada, as recentes intervencións militares poden afectar de xeito moi negativo ás negociacións”. Ademais, sinalou o docente, “tampouco lle axudan moito políticos que, como Sarkozy, empregan á súa oposición á adhesión como baza electoral”.

No que se refire á economía, a realización de continuas reformas manten o seu desenvolvemento e estabilidade: “segundo a OECD, o país conta cun crecemento de arredor do 5-6% no que levamos de década e unha inflación por debaixo do 10%, o que supón todo un éxito”, sinalou Cancela.

O debate tamén se centrou nas posicións dos distintos membros da UE en canto á integración do estado turco. Por unha banda, países conservadores como Alemaña, Austria ou Francia amosan abertamente a súa postura contraria: “apostan por outro tipo de vinculación, pero sen converter a Turquía en membro de pleno dereito”, matizou o relator. Entre os principais motivos para a súa oposición están a emigración masiva e descontrolada que a ampliación pode carrear.

Unha gran poboación de 71 millóns de habitantes cun potencial de desenvolvemento relativamente alto e un incremento da seguridade, son os principais fundamentos de países que, como Reino Unido, España, Portugal, Italia ou Grecia se mostran favorables. E tamén, aínda que non pertence á UE, destaca como gran defensor Estados Unidos: “para el o ideal sería que o territorio OTAN coincidira co da Unión Europea”, apuntou Cancela. O profesor sinalou, ademais destes beneficios, toda unha serie de valores que comparte co estado europeo e que o fan merecedor da integración. Para o docente “Turquía puxo diante un debate que nunca antes se dera: que é Europa?, que é a identidade europea?, que nos define?”.

No hay comentarios: