9.5.07

Curtas.gz, un percorrido pola historia da curtametraxe en Galicia


Os días 14 e 15 de maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Afondar no coñecemento do curtametraxismo en Galicia e crear un punto de encontro para o debate. Estes son os principais obxectivos de Curtas.gz, unhas xornadas que nacen a partir da iniciativa do estudantado organizado nos CAF (Comités Abertos de Facultade) e o Cinecuble da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

A actividade, que terá lugar os vindeiros 14 e 15 de maio, conta co apoio das vicerreitorías do campus de Pontevedra, de Relacións Institucionais e de Extensión Cultural e Estudantes, así como do Concello da cidade.

Na presentación das xornadas, Jesús Hernández, vicerreitor do campus pontevedrés, destacou o alcance da iniciativa e apuntou que “na medida do posible imos a apoiar propostas do alumnado que teñan certo rigor e calidade, condicións que se dan de xeito evidente neste proxecto”.

Curtas.gz pretende tamén servir de punto de arranque para a promoción dun maior número de actividades relacionadas coa titulación de Comunicación Audiovisual que, como sinalou Hernández, “precisan dun maior fomento”.

Ao longo de dúas xornadas, Curtas.gz percorrerá a historia do curtometraxismo en Galicia, dende o seu nacemento ata a actualidade. “É importante coñecer as súas orixes no cinema mudo, xa que por aquel entonces non existía o concepto de curtametraxes como un formato, a súa produción estaba sometida ás limitacións técnicas”, apuntou Bernal Rúa, coordinador da iniciativa.

Antonio Simón, Miguel Castelo, Ramiro Ledo ou Xavier Villaverde, serán algúns dos numerosos profesionais do sector que se achegarán ata a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para compartir cos asistentes a súa experiencia e traxectoria neste eido.

Ademais de charlas e mesas redondas, nas sesións proxectaránse clásicos da curtametraxe galega como “Mamasunción” de Chano Piñeiro, “O pai de Migueliño” de Miguel Castelo e diversos traballos de directores noveis.

Matrícula

As xornadas, dotadas cun crédito de libre configuración, son de carácter aberto e gratuíto para a comunidade universitaria. Todos aqueles interesados en participar poderán inscribirse enviando a súa solicitude ao correo electrónico curtas.gz@gmail.com.

Máis info en http://curtasgz.blogspot.com/

No hay comentarios: