4.5.07

Cursos de extensión universitaria | Verán 2007


Un verán cheo de actividades no campus

Un ano máis a vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes achega a toda a comunidade universitaria a súa oferta de cursos de verán para o campus de Pontevedra.

A Casa das Campás acollerá o primeiro dos obradoiros sobre a improvisación que dará comezo o 20 de xuño, cinco días despois un taller sobre o cine de vangarda proporcionará aos asistentes novas experiencias cinematográficas alternativas ao cine de consumo maioritario. Seguiranlle os cursos sobre prevención e recuperación de lesións nos deportes de equipo; os primeiros auxilios para garderías, centros de educación infantil e de maiores ou o pilates como unha nova forma de vivir a actividade física. Tamén se inclúen na oferta as técnicas de circo, teatro e danza; a introdución a programas de debuxo e deseño por ordenador e un obradoiro sobre o conto como ferramenta na educación. Xa por último, no mes de setembro dará comezo o curso sobre o corpo como fonte de sabedoría e autocoñecemento.

O prazo de inscrición está xa aberto para todos estes obradoiros, e manterase así ata completar as prazas ou ben ata o día anterior do comezo das actividades. As matrículas poden facerse previo pagamento das taxas propias de cada curso, nos rexistros do campus, ou ben por correo postal. Os membros da comunidade universitaria terán un desconto na matrícula dun 25%, mentres que os alumnos bolseiros poden beneficiarse do 50%.

Todos aqueles interesados poderán obter información máis detallada dos cursos na páxina web: http://apv.uvigo.es/cursos_extension/publico/publico.php



No hay comentarios: