A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebrou o pasado luns, 30 de abril, a festividade da súa patroa, Santa Catalina de Siena, co solemne acto de graduación no que se fixo entrega de diplomas á IX promoción de licenciados en Publicidade e Relacións Públicas, á II en Comunicación Audiovisual e á V promoción de diplomados en Xestión e Administración Pública.
O acto, que estivo presidido polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, contou coa presenza de Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais; Alberto Pena, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e Emma Torres, secretaria do centro.
No seu discurso, Hernández animou a tódolos recen titulados a iniciar con ilusión a súa andaina profesional: “saíde fóra sen medo e non desesperedes nas vosas primeiras experiencias laborais”. Ademais, recordoulles que “nesta aventura contades co apoio incondicional da Facultade xa que sodes o espello do noso traballo”, apuntou o vicerreitor do campus de Pontevedra.
Pola súa banda, o decano do centro, Alberto Pena destacou o papel que a Universidade xoga non só na formación académica dos seus estudantes, se non tamén no seu desenrolo persoal: “queremos formar persoas que, por enriba de todo, saiban comprenderse a si mesmas e aos demais nunha sociedade, cada vez, máis cambiante”. Pena tamén subliñou no seu discurso que “o paso por esta institución non garante un futuro de éxito, para elo, é preciso que asumades o compromiso de seguir aprendendo cada día”.
Ademais, no transcurso do acto rendéuselle un sentido homenaxe ao intelectual Isaac Díaz Pardo coa entrega, por parte do vicerreitor do campus de Pontevedra, da insignia de ouro. “É un recoñecemento ao seu traballo como xestor cultural, sen el moitas cousas que acontecen en Galicia non se entenderían”, apuntou o decano do centro, quen subliñou tamén que “é un home de firmes conviccións, que soubo recordar sen rancor e lembrar para non esquecer”.
Bolseiros de honra
A xornada completouse coa imposición das Bolsas de Honra a Antonio de Cora García, conselleiro executivo do Diario de Pontevedra; Jesús Iglesias Díaz, director da TVG e Antonio Izquierdo Escribano, director da Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP). Personaxes, todos eles, moi relacionados coa Facultade e, como apuntou Alberto Pena, “un exemplo a seguir por todos nós”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario