23.4.07

IX Mostra Internacional de Teatro Universitario


Memoria e exilio na IX Mostra Internacional de Teatro Universitario

A denuncia social e a reivindicación política son os temas centrais da novena edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU), ciclo que arranca esta tarde no campus de Pontevedra e que se desenvolverá ao longo de toda a semana en dous escenarios, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e o Teatro Principal.
A iniciativa, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes xunto á compañía de teatro Ningures, busca ser un punto de encontro entre as aulas de teatro de diferentes universidades: “o que pretendemos cando programamos a mostra é amosar os traballos de grupos galegos pero tamén de agrupacións nacionais e internacionais”, sinalou Salvador del Río, director da Aula de Teatro de Pontevedra.
Na presentación da Mostra, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, destacou o firme compromiso que, dende hai anos, a institución mantén co teatro e apuntou que “a MITEU é unha forte aposta na formación dos alumnos e no desenvolvemento de valores implícitos á súa estrutura, como son a liberdade ou a creatividade, ademais supón a posta en escena dunha crítica socio-cultural dos nosos días”. Hernández subliñou tamén o actual repunte que está adquirindo o teatro: “este auxe débese a que as novas formas do xénero foron quen de se adaptar ao espírito da sociedade contemporánea e establecer un nexo con elas”.
Pola súa banda, o director da Aula de Teatro de Pontevedra, Salvador del Río, destacou a consolidación que, ano tras ano, está adquirindo a Mostra e sinalou que “agora os nosos esforzos céntranse na busca de público e que os cidadáns de Pontevedra participen dela”.
A MITEU dará comezo esta tarde coa obra “Nosa Señora das Nubes” que será representada ás 18.30 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pola Aula de Teatro da Universidade de Vigo. O texto, de Arístedes Vargas, aborda os temas da memoria e o exilio, mesturando a crítica política contra os gobernantes cunha reflexión sobre o individuo e o desarraigo.

No hay comentarios: