24.4.07

Cultu-Kata 07

Deporte e xornalismo, protagonistas na primeira xornada de CultuKata´07

Unha alternativa cultural composta por conferencias e actividades de lecer. Así é CultuKata´07, iniciativa posta en marcha polo comité organizador de SantaKata´07, e que conta co respaldo da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e do Concello de Pontevedra.
Na presentación do acto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que este tipo de actividades demostran que este é un campus activo e que se vai integrando, cada vez máis, na vida da cidade.


A relación entre os medios de comunicación e o fútbol centrou o debate nesta primeira xornada, na que participaron os xogadores do R. C. Celta de Vigo, Borja Oubiña, e do R. C. Deportivo de A Coruña, Iago Iglesias, así como, os xornalistas da Cadena SER Manolo Castelo e Jacobo Buceta.


Na charla, xornalistas e deportistas expuxeron a súa visión sobre o tratamento que dende prensa, radio, televisión e internet, se lle dá ao deporte rei. “O fútbol ten a repercusión que ten hoxe en día grazas aos medios”, apuntou Oubiña, quen comentou que “aínda que a relación con eles poida chegar a cansar hai que tomala como parte do noso traballo”. Na mesma liña o xogador do Deportivo sinalou aos medios como "a ponte necesaria entre futbolistas e seareiros ”. No transcurso do debate tamén se abordaron temas como a violencia, as mentiras ou a manipulación mediática que corrompen a este deporte: “os medios de comunicación temos moita culpa da perversión do fútbol”,explicou Jacobo Buceta. Pola súa banda, Castelo fixo referencia á enfermidade que, dende hai anos, padece este deporte e argumentou que “é preciso que cambien moitas cousas. Ten que haber un maior coidado do fútbol afeccionado, xa que de el vive o profesional, e tamén é preciso un equilibrio salarial”.

No hay comentarios: