27.4.07

Ciclo de conferencias sobre Filgueira Valverde


Ramón Villares clausurou o ciclo de conferencias sobre Filgueira Valverde

O papel que desempeñou Filgueira Valverde nas principais institucións culturais galegas foi o tema central da conferencia que impartiu o pasado mércores, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.

Esta conferencia supuxo o punto e final a un ciclo que, baixo o título “Filgueira Valverde: historiador, político e intelectual”, naceu co obxectivo de afondar na figura do polígrafo pontevedrés. A actividade, organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración, contou coa presenza do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e do profesor Celso Cancela.

Na charla, Villares destacou a precocidade e madurez do intelectual e apuntou que a súa traxectoria se podía encadrar en tres grandes planos: como historiador, como político e como home de saber.

O primeiro deles, “como autor dunha ampla e diversa obra afrontou terreos que van dende a literatura ata a antropoloxía”, sinalou o relator. En segundo lugar, destacou que “Filgueira adaptou a súa idea de defensa da cultura galega aos distintos contextos, ben como figura do partido galeguista, ben como personaxe que convive co réxime e que se adapta ao modelo da transición”.

E, nun terceiro plano, Villares remarcou a súa faceta como “empresario da cultura” e apuntou que “Filgueira estivo presente nas grandes iniciativas culturais galegas do século XX”. Neste punto, o presidente do Consello da Cultura Galega afondou no papel que desenvolveu o intelectual pontevedrés en institucións como o Seminario e o Instituto de Estudos Galegos así como no Consello da Cultura Galega ou en iniciativas como a creación do Museo de Pontevedra ou da Real Academia Galega.

Villares concluíu a súa charla facendo alusión ao papel decisivo que Filgueira tivo nos principais organismos culturais galegos e recordando que “foi unha persoa que naceu para e por a cultura, e toda Galicia ten dereito a sentilo como propio”.

No hay comentarios: