18.4.07

Estrea Curta Premio


Premio _

de eva quintas


Estrea Xoves 19 de abril

20.00h Salón de Actos

Fac. de CC.SS e da Comunicación

Unha curtametraxe que formula a posibilidade de vivir de concursos

Calquera cidadán pode vivir de gañar concursos. Esta é a hipótese lanzada por “Premio”, unha curtametraxe de ficción que vai ser estreada mañá no salón de actos na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. O proxecto, dirixido por Eva Quintas Froufe, narra dun xeito innovador e directo as vivencias de Martín Cortés, un personaxe cunha vida destinada exclusiva e unicamente a participar en todo tipo de concursos.

Certames de relatos curtos, promocións de firmas de alimentación, sorteos de viaxes con gastos pagos... o principal propósito do protagonista é poder desenvolver unha vida de luxo a costa das iniciativas de marketing das marcas comerciais.

O equipo técnico de “Premio” estivo composto case integramente por titulados da segunda promoción de Comunicación Audiovisual, o cal, combinado cunha formación de actores non excesivamente coñecidos, deu como resultado 9 intensos minutos de filme. Os experimentados Luis Iglesia, Damián Contreras ou Marián Bañobre conviven con novos talentos da interpretación galega como Xulio Abonjo, Xosé Manuel Esperante ou Uxía Fernández, dando lugar a unha obra coral na que a maior importancia recae na propia historia. A rodaxe, desenvolvida durante catro fins de semana, levou ao equipo de gravación a diferentes espazos como o aeroporto de Peinador, as rúas de Pontevedra e o Pazo da Cultura.

A primacía das ideas e a sinxeleza técnica, combinadas cunha visión colorista da vida, son as claves desta curtametraxe, apoiada pola Consellaría de Cultura a través das axudas a creadores individuais.

No hay comentarios: