Os cursos son validables como créditos de libre configuración
Alemán, árabe, catalán, chinés, español para estranxeiros, francés, inglés, italiano, lingua de signos española, portugués, ruso e xaponés conforman a nova oferta de cursos que porá en marcha o Centro de Linguas para este primeiro cuadrimestre.
Como ven facendo dende os últimos tres anos, o Centro de Linguas organiza estes cursos pensando na comunidade universitaria e no público en xeral. O obxectivo é fomentar o plurilingüismo como ferramenta de comunicación, tanto nos ámbitos académico e laboral coma no persoal.
Entre as novidades deste ano destaca que tódolos cursos, salvo español para estranxeiros, terán unha duración de 45 horas, e estarán distribuídas en dúas sesións semanais de dúas horas, dende outubro ata xaneiro. Outra das primicias é a oferta de cursos de conversación en inglés e en lingua de signos española, que serán 20 horas e que estarán distribuídos nunha única sesión á semana.
Trátase dunha oferta ampla e moi completa de doce idiomas diferentes que se impartirán no campus de Vigo e que tamén terán presenza en Pontevedra e Ourense.
Os cursos, validables por créditos de libre configuración, abrirán a súa matrícula ao longo do mes de setembro. A inscrición farase online a través da páxina web do Centro de Linguas http://www.uvigo.es/areas/centrolinguas/index.gl.htm. Os interesados poden obter máis información no 986 81 22 50 ou ben na antedita páxina web.
No hay comentarios:
Publicar un comentario