A preinscrición para o primeiro curso xa está aberta
Co obxectivo de ofrecer ás persoas adultas un espazo formativo e de intercambio cultural e un ámbito de socialización, a Universidade continúa un ano máis co Programa para Maiores, que ten a preinscrición para o primeiro curso aberta ata o vindeiro 14 de setembro. Coa experiencia dos últimos catro anos, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, destaca “o interese e motivación dos estudantes e a satisfacción que amosan unha vez que toman parte nesta iniciativa, tanto eles como os docentes”.
O Programa para Maiores estrutúrase en dous ciclos. O primeiro, que consta de tres cursos, é un ciclo intensivo cunha docencia adaptada ás necesidades destes alumnos, mentres que no ciclo de especialización, comparten aulas e materias cos universitarios que cursan os seus estudos nas distintas escolas e facultadas. Ao rematar cada un destes ciclos os estudantes obterán un título propio: “graduado senior co ciclo intensivo e graduado superior co de especialización”, explica Membiela.
Nos tres primeiros cursos, a finalidade é facilitarlles unha docencia adecuada á súa situación persoal axudándolles no proceso de adaptación aos cambios dos novos tempos. Así, as materias específicas van dende a identidade psico-social da persoa adulta, as novas tecnoloxías, inglés, saúde e calidade de vida, dereito básico ou historia. As materias combínanse con obradoiros de música, expresión corporal ou fotografía.
Xa no ciclo de especialización as materias ofertadas están en relación coas titulacións que compoñen cada un dos tres campus podendo elixir entre unha ampla oferta.
Novidade
Ao finalizar o vindeiro curso 2007-2008 rematará o ciclo de especialización a primeira promoción deste programa obtendo o título de graduado superior. Para todos eles e, respondendo a unha demanda dos propios estudantes, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa anunciou como novidade “a posibilidade, unha vez rematados os estudos e obtido o título, de continuar formando parte da comunidade universitaria matriculándose en materias soltas das titulacións oficiais”. Segundo Membiela “este é un indicativo de que a xente está contenta e quere continuar, de que están motivados para seguir formándose na Universidade”. Como apunta o vicerreitor “os méritos do programa van en dúas direccións: ofertamos unha formación ampla cun compoñente cultural importante e un outras persoas, sempre están moi motivados no aspecto relacional e forman grupos moi unidos de alumnos e moi activos dentro e fóra das aulas. Neste sentido representa un compromiso persoal e de superación, xa que teñen que asistir regularmente a clase, aprender e traballar. É unha maneira de dar sentido a unha etapa da vida”.
Prazos
Ata o vindeiro 14 de setembro permanecerá aberta a preinscrición para os novos estudantes que se matriculen no primeiro curso, matrícula que farán efectiva entre o 1e o 5 de outubro. Para os estudantes de segundo e terceiro curso o prazo de matrícula abrirase do 3 ao 14 de setembro. Para o ciclo de especialización, cuarto e quinto curso, a matrícula debe formalizarse entre o 3 e o 13 de setembro. No que se refire á novidade para os titulados de cursar materias soltas, esta deberá realizarse os días 18 e 19 de setembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario