24.1.07
Entrevista a Javier Abreu, productor musical
Los Piratas, Medusa, Lombardi, Disidencia, Boikot ou Sugarless son algúns dos grupos cos que ten traballado Javier Abreu, un dos productores con máis sona no panorama musical galego e que actualmente imparte un curso sobre “Sonorización e Gravación” na facultade de Ciencias Sociais en Pontevedra.
Abreu comezou como músico na movida de Vigo nos anos 80 pero pronto lle chamou a atención o tema da producción musical, marchou a Inglaterra e cando volveu montou o seu primeiro estudo de gravación aos 21 anos, a partir de aí todo foron éxitos.
Vostede é productor musical, profesor e ademais estudante de Comunicación Audiovisual na facultade de Ciencias Sociais. Como se pode compaxinar todo isto?
A verdade é que é moi complicado, polas mañás dou clase de extensión universitaria no campus de Pontevedra e nunha escola de imaxe e son en Vigo e polas tardes traballo nun estudo de gravación en Patos. A carreira estouna tomando con máis calma, intento aproveitar os intres que me quedan libres para sacala adiante.
Como un productor cunha carreira tan consolidada como a súa se inclinou pola docencia?
Eu creo que calquer profesional debe estar sempre intentando comunicar e transmitir os seus coñecementos. Podería dicir que un 80% do que sei aprendino traballando con outras persoas. O que pretendo é levar aos alumnos o proceso que eu fago no estudo de gravación cando traballo cos grupos. Descubrín que ensinar non se me da especialmente mal, que me gusta e, sobre todo, que me parece interesante.
En que consiste o curso que imparte de “Sonorización e gravación musical”?
O que se pretende cos cursos de extensión universitaria é que o alumno poida acceder a materias impartidas por expertos do sector, que lles xurdan situacións coas que se pode atopar no mundo real e que non sempre se aprenden dentro do programa educativo da universidade.No meu caso, intento explicarlle aos estudantes o proceso completo de gravación dun proxecto musical, tanto gravacións en directo como en estudos profesionais. Un dos traballos que facemos ao longo do curso é unha maqueta cos propios alumnos, eles se prestan a traer instrumentos e gravamos unha canción, normalmente a versión dalgún tema coñecido para que todo o mundo poida participar. Ademais facemos traballos de sonorización de fragmentos de películas, non só de sons de ambiente e locucións, se non que tamén lles pomos música a unha secuencia. É un proceso global que lles dá unha sensación moi clara de cal é o traballo dun estudo de gravación.
Como ve o panorama musical actual?
Moi cambiante. Creo que a evolución da tecnoloxía está sendo beneficiosa para a creatividade pero está indo en detrimento da música. Se non hai unha industria consolidada é moi probable que cada vez haxa menos artistas novos que poidamos ver nos medios de comunicación. Para os creadores, que non encaixaban co concepto de comercialidade, isto representa unha nova opción e así temos páxinas como myspace ou youtube. Eu estou descubrindo a moitísimos máis artistas e me estou decatando das miserias das multinacionais que están, cada vez, en menor contacto coa realidade. Agora si vai haber unha alternativa real que creo que é benficiosa para a creatividade.
Que opina da piratería?
Penso que este problema é culpa da propia industria. Se fora mais comprometida e empregara outros criterios artísticos máis equilibrados e non tan comerciais, a creatividade tería un valor por si mesma e non teríamos máis remedio que valorala. Se un artista vale a pena é lóxico que paguemos por o seu traballo. Se a industria prostitue ese tipo de creatividade poñéndoa ao servicio do beneficio empresarial entendo que a xente non lle dea valor. Estou en contra da piratería pero estou máis en contra da industria comercial.
(Entrevista extraída do DUVI do 11 de Xaneiro)
No hay comentarios:
Publicar un comentario