8.11.06
Conferencia "Contrastes": África con faz de muller
Este mércores levouse a cabo no Salón de Graos da facultade a conferencia titulada "Contrastes: África con faz de muller", que foi presentada por José M. Corbacho, Vicedecano de Alumnado e na que participaron Izelia Simbine, representante da Asociación Agripecuaria de Changalane de Mozambique e Xoán Hermida, Director da ONG galega Amarante.
Izelia Simbine que é Administradora Nacional da ACORD, relatou en primeira persoa cómo por medio desta organización se foron desenvolvendo unha serie de estructuras empresariais polas que acadaron emprego 215 mulleres.
O primeiro triunfo desta longa andaina acadouse cunha agrupación apícola, despois viñeron a ampliación e acondicionamento da escola e a construcción dunha maternidade.
SITUACIÓN DE MOZAMBIQUE
Segundo Izelia é moi difícil poder saír adiante sen axuda do exterior xa que a situación de Mozambique é moi complicada. É un país onde non se produce o necesario para manter á súa poboación, onde a esperanza de vida non supera os corenta e cinco anos e onde as desigualdais de xénero están moi lonxe de se superar. A pesar de ser unha realidade moi difícil, a Administradora da ACORD non perde a ilusión e na actualidade está traballando coa ONG galega Amarante para promover actividades de autoemprego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario