6.5.08

Un documental elaborado por alumnas de Ciencias Sociais e da Comunicación colabora na integración social e laboral da etnia xitana

"Historias de Vida" narra os esforzos de dúas mozas deste colectivo na busca de traballo

Image Con motivo da presentación da campaña O emprego fainos a todos iguais, para fomentar a inserción laboral das persoas de etnia xitana, dúas alumnas de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas amosaron un vídeo realizado por elas mesmas co obxectivo de dar unha visión próxima e en positivo desta cultura e da realidade que a conforma, deixando á marxe tópicos, estereotipos e prexuízos. Deste xeito e baixo o título Historias de vida, as estudantes Eva Pou Bueno e Julia Sánchez Álvarez achegaron o relato persoal de dúas mozas xitanas que intentan facerse un oco nun mundo laboral cheo de discriminacións e dificultades.

Image
Na presentación do vídeo
Ana Terceiro | Pontevedra
Con motivo da presentación da campaña O emprego fainos a todos iguais, para fomentar a inserción laboral das persoas de etnia xitana, dúas alumnas de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas amosaron un vídeo realizado por elas mesmas co obxectivo de dar unha visión próxima e en positivo desta cultura e da realidade que a conforma, deixando á marxe tópicos, estereotipos e prexuízos. Deste xeito e baixo o título Historias de vida, as estudantes Eva Pou Bueno e Julia Sánchez Álvarez achegaron o relato persoal de dúas mozas xitanas que intentan facerse un oco nun mundo laboral cheo de discriminacións e dificultades. Esta iniciativa, que xorde da colaboración entre a Oficina de Voluntariado e Integración do campus e a Fundación Secretariado Xitano da cidade de Pontevedra, pretende aportar un gran de area á tarefa de sensibilización sobre a realidade desta etnia que se está a facer dende a fundación. O traballo supuxo un reto persoal e profesional tanto para as voluntarias que participaron nel, como para a técnica da Oficina de Voluntariado e Integración, Herminia Dios Poceiro, que subliñou que “esta actividade non se podería ter feito sen a colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, as atencións da técnico de medios audiovisuais, Manuela Boullosa, o titor Alberto Dafonte, sen a implicación, o compromiso e a tenacidade das mozas Eva e Julia, sen o apoio dos profesionais da Fundación Secretariado Xitano e, por suposto, sen as verdadeiras protagonistas das historias: Sara e Rebeca, dúas mozas xitanas que tiveron o valor de contar diante dunha cámara a súa vida persoal”, destacou a responsable da Oficina de Voluntariado do campus.

Un proxecto moi profesional

A realización do proxecto pasou por varias fases: a de preprodución, produción e posprodución. Na primeira etapa, as voluntarias Eva e Julia prepararon o guión que deu contido a cada unha das historias que conforman o vídeo: a presentación, ser xitana, a infancia (a idade da inocencia), a inserción laboral (buscando o meu sitio), superando barreiras, a muller xitana, o meu gran apoio e finalmente Acceder (o programa que lles abre a porta á vida laboral). Nesta parte tamén se elaborou o listado de equipamentos técnicos e materiais necesarios, o plan de rodaxe e buscouse a colaboración dun titor, concretamente do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Dafonte, que valorou o traballo como “moi profesional xa que estas rapazas non son especialistas no eido audiovisual e tiveron moito valor para levalo a cabo”.
Xa nunha segunda fase, a de produción, as estudantes gravaron o documental segundo se redactara nos guións e, na terceira fase, tivo lugar a montaxe do material gravado (posprodución).

Acceder, un programa que tramitou 121 contratos de traballo o pasado ano

Na presentación do vídeo Historias de Vida, que tivo lugar no centro Cultural de Monte Porreiro, a concelleira da Área de Benestar Social, Margarita Castejón, deu un repaso aos proxectos que desde o concello se están a desenvolver na cidade de cara á integración social e laboral dos membros desta etnia. Entre eles destacou o labor que se está a facer co programa Acceder, co que moitas persoas conseguiron un emprego nos últimos anos. Pola súa banda, o director xeral da Fundación Secretariado Xitano, Santiago González, subliñou que esta iniciativa está acadando resultados moi bos xa que no último ano tramitáronse 110 contratos de traballo e 11 de inserción laboral, 78 deles para xitanos. Pero Acceder pretende ser ademais un instrumento de intervención intercultural, polo que atendeu tamén a 90 solicitudes de outros colectivos.
Este programa, subvencionado polo Fondo Social Europeo e cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, xa recibiu varios recoñecementos nacionais e internacionais e outro dos indicadores positivos do seu funcionamento é que case unha de cada dúas persoas que participaron nel, conseguiu un contrato de traballo.

No hay comentarios: