19.1.08

A biblioteca de Ciencias Sociais abrirá as fins de semana durante a época de exames

Tras a demanda por parte do alumnado

Ana Terceiro | Pontevedra

Esta será a primeira vez que a biblioteca central do campus de Pontevedra abrirá as súas portas as fins de semana durante a época de exames. Tras unha constante demanda por parte dos estudantes, este sábado 19 de xaneiro, será a primeira fin de semana en que os alumnos poderán acudir a este centro a estudar ou a consultar calquera información para preparar as evaluacións do primeiro cuadrimestre. Como explica a directora do centro, Laura González, “en Vigo xa fai dous anos que se empezaron a abrir as bibliotecas a fin de semana e xa entón había un interese por parte do alumnado en que se incluíran tamén nesta iniciativa aos outros dous campus” e engadiu que “Ourense empezou en xuño do 2007 e ao final acordaron incluír tamén a Pontevedra”.

O proxecto tomou forma o pasado decembro cando, con motivo da convocatoria extraordinaria dos exames que ten lugar nese mes, a biblioteca ofreceu os seus servizos durante o sábado 15 e o domingo 16, servindo de experiencia piloto para esta nova etapa. Nesta ocasión o número de usuarios que utilizaron as instalacións non foi moi elevado, pero as previsións que se fan, respecto a afluencia nesta primeira fin de semana son moito máis optimistas, aínda que a directora comenta que “tamén dependerá do tempo, porque incluso estes días co temporal non houbo moita xente polas noites”, segundo Laura González.

Unha iniciativa moi esperada
Moito tempo levaban os alumnos do campus de Pontevedra reclamando ampliar o horario de apertura da biblioteca e por fin lles foi concedido. Unha das usuarias deste centro, Lúa Piñeiro, que está no segundo curso da Diplomatura de Ciencias da Educación coa especialidade en Educación Física, comenta que “se trata dunha iniciativa moi acertada xa que moita xente non ten a opción de estudar na casa e facía falta que o fixeran”. Cando se lle pregunta a un grupo de rapazas de cuarto de Publicidade e Relacións Públicas sobre o tema, responden sorprendidas que “xa era hora”, e engaden que se debería ampliar o horario de luns a sábado, para poder facer uso non só da biblioteca senón das aulas de informática e dos materias audiovisuais.

Novo persoal e novos horarios
A biblioteca, localizada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, abrirá de luns a venres desde as 8 ata as 3 da madrugada e durante a fin de semana de 8 a 10 da noite. Para poder ofrecer este novo horario, a institución académica dotouna de novo persoal que será o encargado de atender aos usuarios e xestionar o centro durante os próximos sábados e domingos ata o próximo 14 de febreiro.
O campus de Pontevedra conta tamén coa biblioteca da facultade de Belas Artes, a única que conta con este servizo de forma independente debido fundamentalmente a súa localización fóra do campus da Xunqueira. Neste caso o horario é desde as 8 da mañá ata as 8.30 da noite.

No hay comentarios: